publicidade hoxe

O Pazo Provincial acolleu a presentación do Concerto de Nadal da Real Banda de Gaitas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCelanovaLocal PortadaOurense
A-
A+
Presentación do concerto de Nadal

Presentación do concerto de Nadal

O Pazo Provincial acolleu hoxe a presentación do tradicional Concerto de Nadal da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, que coincide este ano co 30º aniversario da creación desta formación musical. O acto contou coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director da Real Banda, Xosé Lois Foxo; Rosendo Fernández, Vicepresidente Deputación de Ourense; o alcalde de Celanova, José Luis Ferro; o arquiveiro da Catedral de Ourense, Miguel Ángel González, e a cantora María do Ceo.

O Concerto de Nadal terá lugar o vindeiro sábado, 26 de decembro ás 19.00 horas na Igrexa do Mosteiro de Celanova. Rosendo Fernández resaltou “o labor incansable que se leva feito desde a Escola Provincial de Gaitas da Deputación a través da Real Banda e o seu director, Xosé Lois Foxo, así como dos colaboradores, que nesta ocasión especial contará con artistas destacados como Óscar Ibáñez ou a violinista Salomé Neira, entre outros”. Pola súa parte José Luis Ferro, significou que ese día “será unha data importante para a vila de San Rosendo para poner en valor o Mosteiro e a súa iconografía e a súa cultura monumental, reflexada nas representacións da sillería do século XVI, imaxes que ilustran o cartel anunciativo do evento”.

No acto de presentación tamén participou María do Ceo así como as cantareitas da Real Banda con Marco Foxo que fixeron unha mostra de cantos recollidos de Concha Rodríguez Álvarez da Cañiza, a quen se lle rinde homenaxe nesta ocasión.

Pola súa banda, Xosé Lois Foxo destacou o traballo realizado pola Escola ao longo de 30 anos, “levando a música de Ourense aos cinco continentes, abrindo escolas de gaitas nos concellos da provincia de Ourense, en boa parte de Galicia, así como en centros galegos da emigración; chegando a ensinarse a gaita galega en moitas culturas do mundo”. Como mostra destacou a traducción do libro Os Segredos da Gaita a seis idiomas. Tamén destacou Foxo que a Real Banda marcou o pulso musical da provincia de Ourense ao longo de 30 anos, “actuando en todos os momentos importantes da vida social de Ourense e Galicia”, e subliñou o labor científico a nivel publicacións, como o Anuario da Gaita e traballos de campo; estes últimos “vitais para manter a memoria das aldeas”.

Xosé Lois Foxo fixo un chamamento a acudir este sábado a Celanova para asistir a un espectáculo único no que van participar conxuntamente a Banda de Música de Celanova, as corais Solpor e Cantares do Miño de Velle e outros artistas colaboradores da Real. O evento que se iniciará coa estrena da Marcha Procesional de San Rosendo ao son do órgano e as gaitas da Real, rematará ca popular panxoliña “Imos todos cara Belén”.

21 de decembro de 2015 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.