publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O exalcalde e a exconcelleira de Fancenda de Ponteareas declararán como imputados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPonteareasPortada esquerda
A-
A+
Europa Press

O exalcalde de Ponteareas (Pontevedra) Salvador González Solla e a exconcelleira de Facenda Belen Villar declararán os próximos días 10 e 14 de decembro ante o Xulgado de Instrución número 2 da localidade, imputados no marco da ‘Operación Patos’, na que se investiga a suposta comisión de delitos de prevaricación e tráfico de influencias en adxudicacións de contratos e obras públicas de varias administracións.

A súa comparecencia recóllese nunha das pezas separadas da causa principal, que está a cargo da maxistrada do Xulgado de Instrución número 7 de Vigo, María del Carmen García Campos, quen tamén se encarga da peza separada de Nigrán, pero que se inhibiu en xulgados de Ponteareas, Ourense, Pontevedra e Santiago, para que se encarguen da parte relativa a eses partidos xudiciais.

Desta forma, fixéronse cargo das respectivas pezas separadas o Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra, o de Instrución número 2 de Santiago de Compostela, e o de Instrución numero 1 de Ourense.

Pola súa banda, o Xulgado de Instrución número 2 de Ponteareas asumiu a peza separada da devandita localidade e citou a declarar como investigados aos dous exmembros do Partido Popular do goberno municipal, ademais de á interventora e a secretaria municipal no momento dos feitos que se investigan.

En concreto, o día 10 foron citados a declarar o exalcalde popular ás 10,00 horas e a secretaria municipal ás 12,00 horas. Posteriormente, o día 14 será a quenda da anterior concelleira de Facenda -e man dereita de González Solla- ás 11,00 horas e da interventora municipal ás 12,00 horas.

CONTRATO AQUAGEST

Segundo informes policiais do sumario desta investigación, relaciónase a exedila e o exrexedor coa presunta comisión dos delitos de prevaricación e falsidade documental.

A UDEF centrou as súas investigacións, entre outros asuntos, na adxudicación da xestión e mantemento da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) á empresa Aquagest. Segundo se recolle nos seus informes, esta adxudicación fíxose “pola vía do feito”, “sen licitación nin procedemento administrativo legal ningún”.

Así, pon de manifesto que, nas conversacións telefónicas intervidas, a propia Belén Villar admite, falando co xerente de Eiriña (o tamén imputado Enrique Alonso Pais), que o alcalde entón, Salvador González Solla, ten un “desmesurado interese” por que se adxudique ese contrato a Aquagest.

OUTRAS SUPOSTAS IRREGULARIDADES

Por outra banda, a Policía tamén investigou supostas irregularidades na tramitación dunha subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), para a que se haberían falisificados documentos. Segundo a UDEF xustificáronse obras coma se fosen realizadas “cos medios propios do Concello” cando, en realidade, “as realizou unha empresa privada”.

Neste caso, ademais, a Policía cre que puido haber un delito contra a Facenda Pública, porque as obras subvencionadas (nas inmediacións do río Tea) recibiron fondos da UE.

No sumario tamén se apunta a outras supostas actuacións delituosas, como a xustificación de gastos do Centro de día que, en realidade, son “ficticios”; as xestións da exedila Villar para favorecer a contratación de certas persoas, para retirar multas ou para “ocultar” posibles accións delituosas dun funcionario (investigado por cobramento irregular da taxa municipal das terrazas).

4 de decembro de 2015 | 15:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.