publicidade hoxe

O deporte protagoniza esta semana a programación de Nadal en San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Hoxe arrancou no contorno do CPI de San Sadurniño o programa “Nadal deportivo”, que encherá ata o mércores o lecer matutino de máis de medio cento de nenas e nenos inscritos nas distintas disciplinas. A proposta busca que a rapazada se inicie dun xeito divertido en seis deportes que, se cadra, non son os que practican habitualmente. Nesta primeira sesión tocoulle ao baile moderno e ao manexo da bicicleta, mañá será o volei e o fútbol e a véspera da Noiteboa pecharase o programa con hóckei, patinaxe e xogos predeportivos. Porén o deporte continuará na fin de semana cunha nova quedada ciclista de Biela e Chaveta o sábado pola mañá e, principalmente, o domingo. Ese día pola tarde desenvolverase no pavillón unha xornada de deporte feminino que culminará co encontro solidario de fútbol sala entre o Burela e o Valdetires.

O primeiro día do “Nadal deportivo” xuntou no pavillón municipal e na polideportiva do CPI a máis dunha trintena de cativos e cativas para pasaren unha mañá ben entretida na bicicleta ou dando os primeiros pasos de baile. Dous clubes locais, o Biela e Chaveta e o Brío, colaboraron co Concello no desenvolvemento destes obradoiros concibidos como unha actividade lúdica para estes primeiros días das vacacións de Nadal. 

Asi, no caso da clase impartida por Biela e Chaveta a rapazada percorreu varios circuítos de habilidade e practicou exercicios para traballar o equilibrio e o dominio da bicicleta. A actividade ofrecida por Brío foi a que reuniu máis inscricións e ocupouse de coordinar a preto de trinta nenos e nenas ao ritmo da música que máis soa na actualidade. Neste obradoiro participaron nenas principalmente, moitas delas pertencentes aos equipos do clube. De feito, aínda que non fose ese o obxectivo, a sesión aproveitouse para ir preparando a Xornada de deporte feminino do domingo pola tarde, onde Brío será un dos grandes protagonistas. 

O Pavillón Municipal acollerá ese día -27 de decembro- tres grandes eventos. O primeiro deles é un partido de voleibol entre a categoría infantil e a cadete do Aldebarán e o segundo será o II Trofeo solidario de fútbol sala feminino Concello de San Sadurniño, no que se enfrontarán o CD Burela e o Valdetires. Porén, entre un e outro, o Club Brío ten preparada unha exhibición de ximnasia rítmica e antes de rematar tamén nos ofrecerá unha clase maxistral de danza.

A xornada arrancará ás 17.00h. con entrada é gratuíta, aínda que se lle pide ao público que traia da casa algún alimento non perecedoiro, como poden ser conservas, arroz, galletas, pastas, fariña, leite en pó, cacao, azucre, aceite, lentellas, garavanzos, turróns, polvoróns, etc. Ademais tamén se recollerán artigos de limpeza e hixiene persoal, como xabóns, pasta de dentes ou cueiros. Co que se recolla faranse lotes que despois serán distribuídos polos Servizos Sociais do Concello entre aquelas familias do municipio con menos recursos. 

21 de decembro de 2015 | 18:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.