publicidade hoxe

O concello da Lama adapta a súa páxina web á lei de transparencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Lama
A-
A+

O Concello da Lama adapta a súa páxina web á nova Lei de Transparencia para favorecer a participación cidadá e o acceso á información de todos os veciños e veciñas do municipio, tal e como determinaba a orde que fixaba o 10 de decembro de 2015 como data tope para que entrase en vigor esta actuación.

A sede electrónica do Concello, dirixida polo secretario-interventor, Gonzalo Porto Becerra, permite descargar impresos, consultar calquera información sobre reunións plenarias, perfil do contratante, emprego público, ordenanzas, orzamentos municipais ou urbanismo.

A nova sede electrónica do Concello da Lama está estruturada en tres apartados: información xeral, catálogo de trámites e cartafol cidadán. Así mesmo, o usuario a través da súa identificación electrónica, ben sexa a través do novo DNI ou calquera outro sistema de validación identitario instalado no seu computador, poderá acceder a infinidade de trámites e coñecer, en cada momento, a situación do procedemento que teña en marcha coa administración local.

Coa adaptación da web do Concello e da súa sede electrónica á Lei de Transparencia o municipio da Lama é un dos pioneiros en Galicia en contar con este servizo que contribuira a que calquera persoa poida realizar de maneira telemática moitos dos procedementos que, até o momento, tiñan que ser obrigatoriamente de carácter presencial nas oficinas municipais. 

O alcalde, Jorge Canda, valorou moi positivamente este servizo ao considerar que “serve para manter ao cidadán permanentemente informado e con total transparencia e igualdade de trato xa que deste xeito pomos as oficinas municipais ao alcance de calquera con só dispor dun computador e un acceso a internet. A Lama apostou sempre polas novas tecnoloxías e ao servizo da transparencia para que todo o mundo poida dispor dunha maneira máis cómoda e eficaz de relacionarse coa administración, neste caso a que ten máis próxima, o Concello”, sinalou o rexedor da Lama.

18 de decembro de 2015 | 19:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.