publicidade hoxe

O alumnado do CEIP Bergantiños conciencia sobre seguridade viaria a través das “multas da vergoña”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal Portada
A-
A+
Campaña de "multas de vergoña"

Campaña de “multas de vergoña”

Pouco antes do comezo da xornada lectiva, un grupo de nenos e nenas do CEIP Bergantiños saíron hoxe luns 14 e decembro ás rúas da contorna do centro para concienciar aos condutores e condutoras sobre seguridade viaria a través das “multas da vergoña”, unhas sancións simbólicas, carentes de contía económica pero coa mensaxe “Multa da vergoña. Vostede está obstruíndo un dos poucos espazos destinados aos peóns. Non nos obrigue a pasar por lugares de risco”. Con moitos azos e entusiasmo e asesorados pola Policía Local, que os acompañou en todo momento, os rapaces e rapazas percorreron as zonas de estacionamento para comprobar que os vehículos non estaban en dobre fila, invadindo vaos ou espazos reservados para discapacitados, ou mesmo invadindo pasos de peóns e beirarrúas.

Afortunadamente, non atoparon moitos infractores, aínda que algún acabou con todas as multas que levaba. Así, os momentos de entrada e saída dos colexios poden ser bastante caóticos, nomeadamente nos días de choiva, ao xuntarse os nenos e nenas que van andando, cos vehículos das nais e pais dos cativos e cativas que van en coche e co transporte público, sendo cotiás os estacionamentos indebidos e a invasión dos espazos reservados para os peóns a pesar da vixilancia da Policía Local. O obxectivo final desta campaña é que tanto nenos e nenas, como os adultos que de cotío os levan aos centros de ensino, comprendan a necesidade de traballar a prol dunha mobilidade sostible e de respectar as normas de circulación. O mércores 16 a mesma campaña terá lugar na contorna do CEIP Fogar.

14 de decembro de 2015 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.