publicidade hoxe

O alumnado da FP básica dual do IES de Sabón vén de recibir un premio nacional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArteixoLocal Portada
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, achegouse hoxe ata a Escola de Educación Infantil (EEI) Barrionovo e ata o IES de Sabón, ámbolos dous en Arteixo, para felicitar de preto ao alumnado e ao profesorado dos dous centros polos premios que acaban de recibir ao abeiro das súas iniciativas educativas innovadoras.

No primeiro caso, a EEI resultou galardoada no II Concurso de Traballos por Proxectos, que convoca a propia Consellería, mentres que o instituto conseguiu unha mención honorífica na terceira edición do Premio Nacional Fundación GSD de Innovación Educativa. Tal e como destacou o titular do departamento educativo da Xunta, trátase de galardóns “que recoñecen a dedicación e o esforzo diario duns centros que camiñan cara a excelencia educativa”.

Emprendemento fronte a abandono escolar

Na segunda parte da súa visita, o conselleiro gabou o traballo, pero sobre todo o espírito emprendedor do alumnado da FP Básica Dual do IES de Sabón, unha modalidade que permite manter aos mozos e mozas no sistema educativo, loitar contra o abandono educativo temperán e, ao mesmo tempo, formalos nun contexto de traballo real para mellorar a súa preparación de cara á futura incorporación ao mercado laboral.

Precisamente, o proxecto polo que recibiron a mención honorífica da Fundación GSD está baseado na creación de empresas simuladas e micro-emprendementos didácticos. Trátase dunha iniciativa que, ademais de fomentar o emprendemento, potencia a creatividade do alumnado, a súa responsabilidade e seguridade, así como o traballo en equipo.

Experiencia pioneira

Así as cousas, o IES de Sabón puxo en marcha o primeiro proxecto de FP Dual en FP Básica en Galicia, concretamente nos ciclos de Electricidade e electrónica e Servizos administrativos, unha modalidade na que se combina formación no instituto con formación nos centros de traballo. Así mesmo, neste proxecto participan nove empresas da zona, así como o propio concello de Arteixo, co que se pretende promover e facilitar a empregabilidade dos mozos e mozas unha vez encaren o mundo profesional.

A biblioteca como espazo central

Previamente, Román Rodríguez visitara a Escola de Educación Infantil Barrionovo para agradecer e salientar a implicación de toda a comunidade educativa arredor dun espazo singular do centro: a biblioteca. Tal e como recordou, a Consellería aposta por seguir ampliando a listaxe de centros con PLAMBE (Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares), posto que se trata dunha iniciativa que facilita a transformación das bibliotecas escolares en centros de recursos de lectura, información e aprendizaxe, promovendo a integración das TIC e, así mesmo, o traballo por proxectos.

De feito, a partir da biblioteca da EEI de Barrionovo xorde cada ano un proxecto anual no que traballa todo o profesorado e alumnado da escola, así como as familias, co obxecto de desenvolver as competencias básicas dos nenos e nenas. Neste sentido, a actividade posta en marcha o curso pasado vén de ser premiada no II Concurso de Traballos por Proxectos que convoca a Consellería co obxecto de recoñecer e impulsar experiencias de traballo por proxectos coordinados desde a biblioteca escolar ou realizados coa participación e colaboración desta.

Baixo o título “Pastoriza 101 nomes”, os nenos e nenas das diferentes etapas de infantil recompilaron información, a través de diferentes actividades, sobre os artistas que dan nome ás rúas da parroquia da Pastoriza, en Arteixo. Deste xeito, non só acadan as competencias básicas, senón que se promove unha relación directa co entorno no que viven.

15 de decembro de 2015 | 16:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.