publicidade hoxe

Nace Kanalla Coffee, un coletivo pioneiro para reivindicar o café de especialidade e a profesión do barista

kanalla Coffee

kanalla Coffee

A aula Gastronómica do Mercado de Abastos de Santiago acolleu a presentación oficial de Kanalla Coffee, unha orixinal e pioneira iniciativa de seis novos baristas galegos que buscan dar a coñecer a cultura do café de especialidade en Galicia, fomentando o I+D con produtos galegos de calidade e apostando pola profesionalidade no sector á hora de traballar con café.

O colectivo, que a pesar da súa mocidade acumula un enorme número de premios e recoñecementos a nivel nacional e internacional, está formado por Damián Seijas, Guillermo González, Sofía Prieto, Diego Campos, Manu Sisto e Xan Martínez. Todos eles levaron a cabo un orixinal show de presentación no que quixeron pór de manifesto o peso que ten o café na nosa vida diaria, ao tempo en que incidían en todo o proceso de elaboración que necesita un gran de café até chegar ás nosas cuncas, un proceso que só os cafés de especialidade nos permiten seguir mediante a trazabilidade dun produto de calidade que aínda é pouco coñecido e empregado en Galicia. 

O obxectivo principal de Kanalla Coffee é incentivar o consumo deste tipo de cafés, ofrecer información sobre a súa trazabilidade e tentar conseguir unha maior cultura do café tanto entre profesionais como no cliente, do mesmo xeito en que se fixo co viño”, explican desde o colectivo, que destaca que a súa idea é que “este colectivo estea na cabeza de todo o que necesite información e formación sobre  a cultura do café” . 

É por iso que a presentación de Kanalla Coffee estivo orientada en primeiro lugar cara a profesionais do sector e formadores galegos, dos que se deron cita máis de 70. Todos eles puideron degustar unha maridaxe de café no que se combinaron as elaboracións dos chefs Francisco Piñeiro e Eloy Cancela, da Horta d’Obradoiro, especialmente creadas para a ocasión con cafés de filtro e cócteles de café. E é que, ademais dunha bebida, este colectivo quere destacar a versatilidade do produto tanto como ingrediente na cociña como cos produtos de calidade 100% galegos como os achegados polos consellos reguladores de Mel de Galicia, Augardentes e  Licores Tradicionais de Galicia e Castaña de Galicia, que tamén colaboraron na presentación, na que tamén estiveron presentes a cervexa experimental de cabaza Farruca e o viño da D.O. Ribeira Sacra, Broa.

Terminado a maridaxe, o acto abriuse ao resto de público e amantes do café que puideron gozar de café de filtro elaborados por estes profesionais do barismo, que agora queren envorcar todos os seus coñecementos en incrementar a cultura do café en Galicia, baixo a máxima de que só mellorando o coñecemento sobre este produto conseguiremos mellorar a súa elaboración e servizo do mesmo.

Integrantes de Kanalla Coffee e compromiso 

Paixón e compromiso co produto de calidade definen a Kanalla Coffee, que ademais conta coa profesionalidade dos seus compoñentes para ofrecer formación e información sobre o café de especialidade en Galicia, sempre desde unha perspectiva “kanalla”, isto é,  próxima e divertida. Un compromiso que se materializa a través de relatorios, charlas informativa e masterclass, ademais de colaborar con outros entes que defendan o produto de calidade.

Compañeiros e amigos, entre eles atópanse dous dos Catadores Q da variedade arábica que hai actualmente en Galicia (Diego e Sofía) ademais de ser todos eles baristas certificados pola SCAE (Especially Coffee Association of Europe). Os seus compoñentes son:

–  SOFÍA PRIETO (Burela) Campioa de España de Cata de Cafés no Campionato nacional SCAE 2010, traballa como asesora barista e leva o control de calidade de Mafari Café, a empresa distribuidora de café en Pontevedra.

– DIEGO CAMPOS (A Estrada) Rexenta o Mesón Restaurante A Vila e a Cafetaría Alameda na Estrada. Trainer SCAE e Catador Q da variedade arábica certificado polo CQI (Coffee Quality Institute).

– DAMIÁN SEIJAS (Chantada) Campión nacional de coctelería con café, bicampión galego e actual campión nacional de baristas, rexenta a academia de formación en hostalaría Bartechniques, en Chantada.

– XAN MARTÍNEZ (Lalín) propietario da Taberna A Lareira, barista desde 2010 e certificado como barista profesional SCAE.

MANU SISTO (O Grove) Co-propietario en Asador Dpepe (Pedras Negras – O Grove). Barista Profesional SCAE. Pre Q Grader e semifinalista no campionato de cata SCAE 2015

– GUILLERMO GONZÁLEZ (O Carballiño) Propietario do Moon93 “Café & Cocktail Bar” Bicampión Galego de baristas 2013/2014, campión de España de Skills, Subcampión de Europa de Skills, Campión de España de Sala e barista certificado por SCAE.

15 de decembro de 2015 | 12:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.