publicidade hoxe

Medio Rural traballa na recuperación de sistemas pastorís nos montes veciñais de Cerdedo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCerdedo
A-
A+
Cores Tourís na visita aos montes veciñais de Cerdedo

Cores Tourís na visita aos montes veciñais de Cerdedo

A Consellería do Medio Rural destinou preto de 300.000 euros en obras para recuperar os sistemas pastorís en montes das comunidades de Cerdedo e Quireza, ambas no concello pontevedrés de Cerdedo. En total, suman unha superficie de actuación de 52,45 hectáreas neste municipio.

O director de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández-Couto, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, coñeceron de primeira man as actuacións levadas a cabo nestes montes, que inclúen roza de matogueira, gradeo, encalado, sementado e construción de peches gandeiros, comedeiros e pasos canadienses.

O descenso do censo de gando vacún, xunto coa diminución da poboación dedicada a actividades gandeiras na zona, fixo que fora necesario introducir técnicas de aproveitamento que facilitaran o manexo da cabana gandeira e outros usos no monte. O obxectivo destas obras foi precisamente o mantemento dos pastos de montaña de uso comunal, racionalizando o aproveitamento gandeiro e evitando tanto as cargas excesivas como o seu abandono, sendo ademais un método eficaz para o control da vexetación arbustiva da zona.

Obras realizadas

Os traballos executados nos terreos da Comunidade de Montes de Quireza supuxeron un investimento de 144.000 euros en 26,30 hectáreas de superficie. Ademais de proceder á roza da matogueira existente e o laboreo do chan, realizouse un peche gandeiro de 3.678 metros e a colocación de 3 comedeiros e 3 pasos canadienses.

No caso da Comunidade de Montes de Cerdedo, a superficie tratada foi de 26,15 hectáreas e o orzamento executado ascendeu a 148.950 euros. Ademais de rozas de matogueira e laboreo do chan, construíuse un peche gandeiro de 4.731 metros e 3 comedeiros.

15 de decembro de 2015 | 16:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.