publicidade hoxe

Medio Ambiente impulsará un plan de acción na reserva da biosfera do río Eo, Oscos e Terras de Burón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadeo
A-
A+
Ana María Díaz no CIMA de Ribadeo

Ana María Díaz no CIMA de Ribadeo

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio impulsará un Plan de acción para a Reserva da biosfera do Río Eo, Oscos, e Terras de Burón, que se prevé que estea aprobado o próximo ano.

Así o sinalou hoxe a directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz, durante a súa participación na sesión ordinaria da Comisión de coordinación institucional deste espazo natural, que tivo lugar hoxe en Ribadeo.

A responsable autonómica informou aos asistentes de todas as actuacións que se executarán no próximo ano. Entre outras, detallou algunha das medidas previstas no plan de conservación do Monumento Natural Praia das Catedrais. Así, desde a plataforma web empregada para a solicitude de autorizacións para visitar este espazo, incluirase información detallada sobre outros puntos de interese turístico da Mariña e, en particular, sobre a rede de rutas e itinerarios verdes que conforman a reserva da biosfera. Deste xeito, As Catedrais actuarán como reclamo turístico da reserva e, ao mesmo tempo, favorecerase o reparto de persoas entre os diferentes espazos naturais, e poderase diminuír a presión humana sobre o monumento natural.

Díaz López adiantou tamén que o próximo ano publicarase unha orde de axudas para concellos situados en terreos da Rede Natura 2000, cofinanciada con fondos FEADER, e á que poderán optar tanto as propias entidades locais como os particulares. As subvencións irán dirixidas a acadar obxectivos agroambientais e climáticos.

En 2016, a Xunta promoverá tamén diversas candidaturas conxuntas, xunto con outras reservas da biosfera, para obter financiamento a través de proxectos europeos. Entre estas, destacan o Poctep EM-VERDE, de fomento do emprendemento, baseado no cultivo ecolóxico de especies silvestres para usos cosméticos e alimentarios de plantas aromáticas; ou o proxecto REDBIOSUDOE, que propón traballar no desenvolvemento da marca da rede española reserva de biosfera, que axude aos sectores económicos e empresas a crear e comercializar uns produtos alineados cos valores desta marca.

Ademais, na xuntanza de hoxe, tamén se aprobou o regulamento de funcionamento interno da comisión institucional e xerente, e coñecéronse as actuacións que se están desenvolvendo para proceder, á maior brevidade, á constitución do Foro de Participación Social.

18 de decembro de 2015 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.