publicidade hoxe

Medio Ambiente aproba definitivamente o PXOM de Coristanco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCoristanco
A-
A+
Beatriz Mato na aprobación do PXOM de Coristanco. Foto: M. Fuentes

Beatriz Mato na aprobación do PXOM de Coristanco. Foto: M. Fuentes

A Xunta concedeu esta mañá a aprobación definitiva ao Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Coristanco. A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, -acompañada pola secretaria xeral de Ordenación, Encarnación Rivas- asinou xunto co alcalde Coristanco, Amancio Lavandeira, a orde de aprobación definitiva deste documento que guiará o aproveitamento dos recursos deste concello.

Beatriz Mato recordou que en xullo deste mesmo ano o plan xeral acadou a súa aprobación parcial, polo que felicitou ao actual goberno por recoller o valioso traballo realizado pola anterior corporación municipal e culminar este plan xeral que vai supor un avance esencial no eido da ordenación do territorio.

Salientou que os planeamentos urbanísticos de calidade, respectuosos e sostibles permiten obter o máximo aproveitamento dos recursos dun concello reducindo ao mínimo os impactos negativos; ao tempo que engadiu que “un urbanismo responsable é fundamental” para calquera concello, posto que condiciona os recursos locais, o modelo de crecemento, a política de vivenda, a mobilidade e, en definitiva, a calidade de vida dos veciños e veciñas.

“En outras palabras –apuntou a conselleira- ordenar o territorio significa adaptalo ás necesidades dos cidadáns que viven nel e protexer a súa riqueza e os seus valores”, aportando seguridade xurídica para que un municipio acada a súa dinamización económica e social.

Recordou que no ano 2009 eran 37 os concellos cun PXOM actualizado, agora xa son 83, o que demostra o traballo e esforzo realizado pola Xunta a prol do urbanismo, non só con asesoramento técnico; senón tamén con apoio económico con axudas á redacción de planeamento, que no caso de Coristanco sumaron un importe de 140.000 euros. Apuntou que, coa aprobación do PXOM de Coristanco, cinco dos sete municipios que constitúen a comarca de Bergantiños contan con plan xeral actualizado.
Ningún concello sen planeamento
A conselleira lembrou que un dos obxectivos do Goberno galego é acadar que todos os concellos de Galicia conten con planeamento, que ademais é un dos grandes retos ao que vai dar resposta a nova Lei do solo.

Explicou que a Lei aporta os instrumentos necesarios para garantir que os 314 concellos de Galicia teñan o seu plan urbanístico e no prazo máis breve posible, grazas a medidas como: a simplificación do proceso, creando o informe único autonómico que evita que os concellos teñan que solicitar todos os informes sectoriais por separado; e tamén axilizándoo, ao entender como positivo o silencio administrativo cando este alcanza os tres meses.

Outra das medidas é a creación de novas figuras como o Plan Básico Autonómico e os Plans Básicos Municipais, destinados a servir de apoio aos concellos con menos de 5.000 habitantes, que son os que maiores dificultades técnicas adoitan atopar para elaborar un planeamento. Estes concellos terán a liberdade de elixir se fan eles o PXOM ou se o fai a Xunta a través do Plan Básico Municipal.

Por último, destacou que o para dotar aos concellos de planeamento se investirán en 2016 máis de 3,1 millóns de euros en axudas, o que se traduce nun incremento dun 22,6% respecto do ano pasado e dun 82%, se o comparamos co ano 2014.

3 de decembro de 2015 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.