publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Investigan unha trama que atribuíu de forma fraudulenta ao mesmo home multas de tráfico durante 6 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal PortadaO CarballiñoPortada esquerdaSucesos
A-
A+

A Garda Civil de Ourense desarticulou unha trama de identificación fraudulenta de denuncias que implica ata a 37 persoas acusadas de atribuír ao mesmo individuo, un home de orixe portuguesa que se atopa no cárcere, multas de tráfico durante polo menos seis anos.

A ‘Operación Radar’, iniciada o pasado mes de xuño, comezou tras detectar 37 expedientes por multas de tráfico en controis fixos de velocidade que identificaban como condutor ao mesmo home, un cidadán portugués con domicilio en Lalín (Pontevedra).

Este tipo de notificacións, que se producen cando o vehículo non é parado tras cometer a infracción, obrigan o propietario a identificar o condutor ao recibir a notificación.

Segundo as indagacións da Garda Civil, o home identificado nas 37 ocasións non vive no domicilio que figuraba oficialmente, senón que se atopa cumprindo condena nun centro penitenciario de Portugal.

NEXO NUN TALLER

O nexo en común entre os investigados é un taller de compra e venda de vehículos, que lles orientaba como evadir o pagamento das multas. Nalgúns dos casos quedaba co importe da multa e dáballes os datos do condutor portugués, para evitar a retirada de puntos; e noutros informábaos dos datos do condutor directamente.

Os investigadores puideron determinar que os feitos se estenderon durante un período de seis anos, dende 2009 ata 2015, e o total de sancións que non chegou a aboarse ascende a uns 12.000 euros.

Entre as persoas implicadas investigadas atópase o propietario do taller, tres residentes do domicilio de Lalín onde chegaban as notificacións e os propietarios dos vehículos sancionados.

Esta investigación estendeuse ás catro provincias galegas, determinándose como puntos neurálxicos as localidades de O Carballiño (Ourense) e Lalín (Pontevedra). En total detectáronse 55 expedientes nos que se identificaba como condutor á mesma persoa.

18 de decembro de 2015 | 12:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.