publicidade hoxe

Francisco Conde clausura o II Foro da Biomasa celebrado no Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSan Cibrao das Viñas
A-
A+
Francisco Conde na clausura do Foro da Biomasa

Francisco Conde na clausura do Foro da Biomasa

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, clausurou hoxe o II Foro da Biomasa, celebrado no Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole, onde avogou por reforzar a aposta pola innovación co obxectivo de situar á industria da biomasa galega á vangarda de Europa. “En colaboración cos axentes implicados, como amosa este Foro, estamos a configurar a Galicia do futuro, apostando pola innovación”, incidiu Conde.

Neste sentido, o conselleiro puxo en valor o traballo do CIS Madeira, que permite difundir coñecemento e desenvolver importantes proxectos de investigación como o “Equipo integral de recollida e tratamento de biomasa”, un prototipo pioneiro encamiñado ao aproveitamento da biomasa residual. Esta máquina, explicou Conde, é o resultado dun longo proceso de innovación e probas, e permite recoller, triturar e transformar no monte os restos de podas e matorrais.

Deste xeito, salientou o titular de Economía, Emprego e Industria, poténciase o uso en cascada da biomasa, reducindo custos e tempos; aprovéitanse todas as parte da madeira co maior valor engadido posible; e redúcese o risco de incendios forestais. “O prototipo está pensado, ademais, para integrar outras tecnoloxías de corte e triturado con fin de abarcar un maior grado de tipoloxías de biomasa, optimizando así os seus procesos de recollida”, indicou Conde.

Esta iniciativa reforza a colaboración do CIS Madeira co sector, que no último ano ven asesorando e informando ás empresas galegas na presentacións das súas propostas de proxectos de I+D para as convocatorias do Conecta Peme ou doutros programas europeos como o Horizonte 2020.

Neste marco de cooperación, Conde apostou por seguir a potenciar a innovación da man de todos os centros e investigadores, motivo polo que Galicia está a participar no Programa de Transferencia de Coñecemento Tecnolóxico Internacional e ten impulsado a RIS3 Transfronteiriza co Norte de Portugal. Esta Estratexia, explicou, contempla na súa primeira área de actuación o aproveitamento da enerxía procedente da biomasa e do mar.

O desenvolvemento da Estratexia

“Todas estas iniciativas non só nos permiten poñer o foco na importancia da innovación tecnolóxica, senón que dan continuidade ao traballo xa feito”, subliñou Conde, quen puxo en valor outras actuacións como a liña para implantación de caldeiras de biomasa, que suma 2.000 equipos en 2 anos e terá continuidade o vindeiro exercicio con máis de 12,5 millóns.

“Este incremento da demanda ven acompañado pola excelencia dos produtos galegos, que ten no selo Galicia Calidade o seu máximo garante. Un selo que está a certificar a orixe e calidade dos pellets e estelas producidos a partir da biomasa forestal galega”, salientou o conselleiro. Ademais, continuou, estase a apostar pola formación e a divulgación, como amosa a “vocación de continuidade” do Foro da Biomasa e a próxima posta en marcha dun Observatorio da Biomasa que permitirá visualizar a cadea de valor e ofrecer á cidadanía e ás empresas información para facilitar a toma de decisións, para o que disporán dun observatorio de prezos e dun simulador de instalacións de biomasa.

4 de decembro de 2015 | 19:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.