publicidade hoxe

Emm: ‘Queremos os tres puntos para recibir ben 2016 e seguir loitando pola liga”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaDeportes
A-
A+

O CD Burela FS Pescados Rubén despide mañá a liga de Primeira RFEF en 2015  na pista murciana do Jimbee Roldán FSF (19.15 horas); este será o terceiro partido das laranxas en catro días, con dúas vitorias en Copa Galicia e a clasificación para semifinais. “O obxectivo son os tres puntos tanto para recibir ben 2016 coma para seguir loitando pola liga” explicaba a moza Emma Losada, unha das caras novas desta tempada, que debutou onte co equipo na cita copeira en Vigo ante o Olivo FSF (0-4), e con gol.

“Estamos cansas, tanto da longa viaxe coma dos partidos, e temos as importantes baixas de Shio e  Claudia, pero chegamos ben” admitía con optimismo Emm, pletórica coa súa estrea co conxunto sénior, despois de comezar a tempada con problemas físicos. “Saín nerviosa pero foi moi ben. Estou supercontenta tanto polos minutos coma polo gol, grazas a Maite, que me deu o pase” explicaba a 8 burelista, de 21 anos, amosándose moi agradecida coas compañeiras pola boa acollida: “Estiven lesionada e agora tócame coller o ritmo; dende o primeiro momento todas as compañeiras me axudaron e seguen axudando”, puntualizaba a ex do CD Adarve Lugo, que compatibiliza responsabilidades en Primeira RFEF co conxunto filial en Autonómica: “Encántame axudar en todo o que poida, é un equipo no que as nenas traballan con moita ilusión e moi motivadas; estou encantada de axudar a que este proxecto medre”, falaba así Emm do Burela FS de Liga Galega.

Mañá pola mañá, o equipo ultimará a súa preparación para a cita en terras levantinas con sesión de vídeo.

CD Burela FS Pescados Rubén: 1. Jozi, 7. Peque, 8. Emm, 9. Gaby, 10. Lara, 11. Ceci, 13. Andrea C., 14. Bea Mateos, 15. Judith, 17. Maite, 31. Eva

Sen tropezo en Copa Galicia

O CD Burela FS Pescados Rubén conseguiu clasificarse para seminifinais de Copa Galicia sen tropezo na fase de grupos. O seu último compromiso disputouno onte con 0-4 ante o Olivo FSF, líder de Autonómica. “Foi un encontro con pouca intensidade, no que as xogadoras máis novas e menos habituais, dispuxeron de máis minutos” explicaba Iván Cao, Lucas, destacando a imbatilibilidade da portería, defendida entre Eva e Andrea. Ademais do tanto de Emma, tamén asinaron goles Maite, Peque e Ceci. 

Nos outros dous enfrontamentos, as mariñás impuxéronse 1-6 ao Leis Marcón, de Segunda, e 3-2 ao Poio Pescamar, rival laranxa en liga.

18 de decembro de 2015 | 16:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.