publicidade hoxe

Cultura e Educación licita o proxecto básico e de execución do novo CEIP de Culleredo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se anuncia a licitación da contratación do servizo de redacción do proxecto básico e de execución para a construción dun novo CEIP en Culleredo. Deste xeito, o departamento educativo da Xunta de Galicia cumpre co seu compromiso, avanzando nos pasos necesarios para a construción deste novo centro de ensino, que dará resposta ás necesidades crecentes de prazas de escolarización neste municipio coruñés. O obxectivo é que o novo colexio poida abrir as súas portas para o curso 2017/2018.

O novo CEIP, cuxa construción estará cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80 %, terá capacidade para 450 alumnos e un custe estimado de 4 millóns de euros. Seguindo as previsións iniciais, a superficie total construída do edificio achegarase aos 3.000 metros cadrados.

Segundo o programa de necesidades, o centro contará con 6 aulas de Infantil, 12 de Primaria, 4 aulas de apoio educativo ou desdobres, aula de música e aula de informática. Así mesmo, disporá de ximnasio, biblioteca e sala de usos múltiples; ademais de dos pertinentes aseos, zonas de administración e servizos comúns e espazos exteriores cubertos e descubertos para o xogo e a práctica de deporte.

23 de decembro de 2015 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.