publicidade hoxe

Cores Tourís visita a firma de conservas Bateamar de Cambados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambados
A-
A+
Cores Tourís na visita a Bateamar

Cores Tourís na visita a Bateamar

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a empresa de conservas Bateamar de Cambados para coñecer a labor que está a desenvolver tanto en investimento como en exportación, así como a súa planta de maquinaria.

Segundo informou ao delegado territorial o xerente da empresa, Manuel Abal Camiña, Bateamar exemplifica a labor das empresas galegas de cara ao desenvolvemento de innovacións, así como de cara a expansión en mercados internacionais. “Esta firma investiu nos pasados anos 3 millóns de euros de cara a ampliación da súa actividade de elaboración de conservas de mexilón en escabeche, á renovación do noso cocedoiro, a incrementación da nosa sala de elaboración de precociñados e a implantación dunha liña de mexilón pasteurizado”, engadiu o responsable da planta, quen engadiu que, “deste xeito, abarcamos practicamente toda a gama actual do elaborado deste produto”.

Deste investimento global, 1,8 millóns de euros destináronse á posta en marcha da planta de maquinaria para a produción de conservas, que conta cunha capacidade de elaboración de 500.000 unidades ao día. As obras permitiron duplicar a súa sala de elaboración de precociñados do mexilón tigre, que pasou a contar cun potencial de 1.000 quilogramos ao día, creándose tamén unha liña de envasado en pasteurizado”.

O grupo de empresas da que forma parte Bateamar conta cunha plantilla de persoal de mais de 300 persoas, das cales na nave de Cambados traballan 176 na actualidade. “Estamos en plena expansión. De feito, o ano pasado traballaron 87 e este case o dobre. E non queremos para aquí, porque as nosas previsións apuntan a que superaremos esta cifra para o 2016 con entre 30 e 50 traballadores máis”, matizou Abal Camiña, quen recordou que nestes intres a firma, que abastece a maioristas, vende en países coma Francia, Alemania, Suiza, Italia ou Grecia, “e por suposto, a toda España”, contando cunha facturación de case 12 millóns para este ano, agardando uns 15 millóns para o que ven.

Aposta polo sector

Durante a visita, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou a puxanza do sector conserveiro galego así como do bateeiro, apuntando que “dende a administración autonómica estamos a traballar para apoialo, tanto no económico como no administrativo, no organizativo e no operativo. Non podemos esquecer que estamos a falar dun dos nosos puntais produtivos, imaxe de Galicia no exterior e xerador de emprego e desenvolvemento social. Só na ría de Arousa cóntanse máis de 2.000 bateas”.

De feito, Cores Tourís, engadiu que o sector do Mar contou “con todo o apoio da administración autonómica dende o inicio da anterior lexislatura, destacando especialmente o sector mexilloeiro, que recibe o 70% do globar destas axudas na provincia de Pontevedra”.

Así, segundo apuntou o delegado territorial, dende 2009, á flota pesqueira da provincia pontevedresa recibiu 62,4 millóns de euros tanto para apoio á paralización como a investimentos; ás industrias da provincia, tanto de acuicultura, transformación e comercialización obtiveron 64,1 millóns de euros; as confrarías para ordenación e xestión de recursos mariños 16,4 millóns e os proxectos innovadores 13,2 millóns. Ademais, a Xunta destinou 15,5 millóns de euros a investimentos dos diferentes portos da provincia de Pontevedra.

“A Xunta de Galicia, como tamén a Unión Europea, fai unha clara aposta por desenvolver unha acuicultura sustentable dende o punto de vista medioambiental, social e económico, respectuosa co medio ambiente e eficiente no uso dos recursos, innovadora e competitiva e baseada no coñecemento”, engadiu José Manuel Cores Tourís, quen recordou que, xa a nivel de toda Galicia, máis do 93% dos expedientes de axudas á acuicultura galega aprobados foron de proxectos deste segmento de actividade, aportando máis de 20 millóns de euros nos últimos anos.

A administración autonómica tamén pretende outorgar maior seguridade xurídica ás bateas instaladas en Galicia mediante a posta a cero dos seus contadores de concesión e cunha estruturación da actividade mediante a creación da Comisión do Mexillón, ademais de dar cobertura a múltiples accións que permitan facer máis acaída a Galicia a obriga de desenvolver o control da presenza de biotoxinas mediante o método químico.

16 de decembro de 2015 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.