publicidade hoxe

Compromiso por Galicia de Betanzos pide o voto para a candidatura En Marea

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBetanzos
A-
A+
Europa Press

Os integrantes da Agrupación Local de Compromiso por Galicia de Betanzos anunciaron o seu apoio á candidatura de En Marea -Anova, Podemos e Esquerda Unida- para as próximas eleccións xerais do 20 de decembro.

Esta decisión, que anunciaron este mércores a través dun comunicado, prodúcese toda vez que Compromiso non se presentou ás eleccións, como así decidiu nunha convención na que, despois de que fracasasen os intentos dunha lista unitaria, tamén se acordou dar liberdade á súa afiliación para apoiar a quen entendesen que “mellor defendía os valores de Compromiso por Galicia”.

Nunha reunión o pasado luns, os membros da agrupación de Betanzos decidiron apostar de forma “unánime e a título individual”, segundo explican no comunicado, por esta candidatura que, para o concelleiro Alberte Muíño, “defende os dereitos sociais, a rexeneración democrática e a condición nacional do noso país dentro dun estado plurinacional”.

“O feito de ter a posibilidade de construír grupo parlamentario por primeira vez, tal e como indican as enquisas, é un elemento moi importante nunha eventual reforma constitucional, onde si estarán os cataláns, vascos e valencianos, e onde os galegos debemos estar, porque somos unha nación e queremos reivindicar poder galego, dereitos políticos e autonomía económica, ademais de respecto á nosa lingua”.

Para o dirixente galeguista, que recordou que Compromiso participou na Marea Atlántica nas pasadas municipais, “a importancia dun cambio que mude a arquitectura institucional do Estado está fóra de toda dúbida, e que isto aconteza sería bo para Galicia, pero tamén para Betanzos”.

En apoio de En Marea xa se viu o membro da executiva de Compromiso por Galicia Paulo Carlos López, orixinario precisamente de Betanzos, e quen acudiu na noite de apertura de campaña á pegada de carteis de Santiago de Compostela.

9 de decembro de 2015 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.