publicidade hoxe

Comezan os traballos de reafirmado dos camiños da concentración parcelaria de Lois-Monte de Ribadumia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+
Cores Tourís na visita a Bouza de Rei

Cores Tourís na visita a Bouza de Rei

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o lugar de Bouza do Rei para comprobar o inicio das obras de reforzo os camiños principais da concentración parcelaria de Lois-Monte de Ribadumia.

Na visita ao concello de Ribadumia, José Manuel Cores Tourís estivo acompañado polo alcalde da localidade, David José Castro, a portavoz do PP na vila, Salomé Peña, o xefe territorial da Consellería de Medio Rural e do Mar en Pontevedra, Miguel Dubois, e representantes da Xunta Local da concentración.

Segundo avanzou o delegado territorial, estes traballos permitirán mellorar a capacidade portante e a resistencia dos camiños principais desta parcelaria, facilitando así o acceso aos diferentes puntos das parroquias de Ribadumia. Deste xeito, mellorarase a capacidade destas vías trala reparación dos seus deterioros, causados polo continuado paso de vehículos e maquinaria agrícola, así como das augas de escorrentía e outros factores propios do paso do tempo.

En total, actuarase en 6 tramos que suman unha lonxitude de 4.084 metros, dándose así servizo aos novos lotes de reemprazo e aos correspondentes núcleos de poboación. Os camiños teñen un ancho de cinco metros e triple rego.

Pola súa banda, José Manuel Cores Tourís destacou a importancia económica que supón a concentración parcelaria. De feito, o delegado territorial insistiu en que “o obxectivo último da Xunta de Galicia radica en sacar rendibilidade aos terreos a través de novas explotacións que eviten o abandono da terra e a racionalización da produción”.

Pola súa banda, o alcalde da localidade agradeceu a implicación da Xunta de Galicia coa execución da concentración parcelaria de Lois-Monte de Ribadumia, así como a labor que nestes intres estase a levar a cabo dende a Xefatura Territorial de Medio Rural para chegar a acordos con varios propietarios de fincas que plantexaron algunha discrepancia en relación ás fincas presentadas. Neste senso, Miguel Pérez Dubois, xefe territorial de Medio Rural destacou que se están a recoller e analizar todas as demandas para realizar un informe que logo será revisado pola Xunta Local da parcelaria e remitido finalmente á Consellería para su aprobación final.

A concentración parcelaria de Lois-Monte de Ribadumia afecta a 1.515 propietarios e 755 hectáreas, divididas nun total de 8.767 parcelas que se verán reducidas a 2.108 fincas.

No concello de Ribadumia están concentradas as zonas de Barrantes, Vesomaño, Leiro, Ribamunia I e II e Sisán, que afectaron a 3.240 propietarios e a 1.062 hectáreas.

3 de decembro de 2015 | 13:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.