publicidade hoxe

Clausúrase o curso de actividades administrativas en Soutomaior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+
o alcalde de Soutomaior na clausura do curso

O alcalde de Soutomaior na clausura do curso

O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, acompañado da edil de Cultura, Dolores Cernadas, clausurou onte o Curso de Actividades Administrativas en Relación co Cliente que impartía o Concello desde o pasado mes de xullo. Trátase dunha iniciativa enmarcada dentro do plan de Accións Formativas para Desempregados (AFD) da Xunta de Galicia, financiada pola Consellería de Traballo e o Fondo Social Europeo en colaboración co Concello de Soutomaior, e que acredita un Certificado de Profesionalidade de Nivel 2, necesario para traballar en multitude de empresas e administracións públicas.

O ciclo, de 818 horas lectivas, desenvolveuse no edificio Multiusos de Arcade coa intención de formar a un total de 15 alumnos. O curso contaba con diversos módulos enfocados a mellorar as calidades administrativas e comerciais dos participantes. Entre eles atopábanse o de Atención ao Cliente no proceso Comercial. Gravación de Datos, Xestión de Arquivos, Ofimática e Lingua estranxeira profesional, ademais dunha fase práctica de 120 horas na que os alumnos realizaron prácticas profesionais en empresas de toda a comarca.

Durante a entrega de diplomas, o alcalde destacou a importancia de contar cunha boa formación “á hora de integrarse nun mercado laboral moi competitivo”, e anunciou que, por parte do Concello de Soutomaior, solicitaranse novos cursos para “continuar ofrecendo a todos os veciños a oportunidade de ampliar os seus coñecementos e especialización de maneira que poidan mellorar a súa cualificación profesional e facilitar a súa inserción laboral”.

O obxectivo deste ciclo non é outro que o de desenvolver políticas que xeren emprego cunha dimensión local ademais de supor unha mellora na empregabilidade dos alumnos grazas á súa formación teórica e a súa gran especialización profesional, ao ser un programa enfocado fundamentalmente aos coñecementos prácticos.

FESTIVAL DE PATINAXE

O Club de Patinaxe Artística de Soutomaior organiza mañá venres 18 de decembro a partir das 19,00 horas no Pavillón da Montesiña o seu tradicional festival de Nadal.

Máis de 250 patinadores e patinadoras mostrarán os seus dotes artísticos representando aos clubs invitados.

O Club local Patinaxe Artística de Soutomaior estará acompañado por representantes das Escolas Deportivas do Concello de Soutomaior así como dos clubs de patinaxe de Gondomar e Condado.

Sortearanse agasallos entre os asistentes e o club Patinaxe Artística de Soutomaior da man da súa adestradora Ruth Cameselle mostrará as súas coreografías coas que participarán nos distintos festivais e campionatos onde veñen obtendo excelentes resultados co que os integrantes do club increméntanse día a día.

17 de decembro de 2015 | 10:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.