publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Cinco deputados socialistas non votan a Modesto Pose como senador

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerdaVerín
A-
A+
Europa Press
Pleno do Parlamento

Pleno do Parlamento

O pleno do Parlamento de Galicia aprobou este mércores a designación do exalcalde de Verín (Ourense) Juan Manuel Jiménez Morán, do exrexedor de Bóveda (Lugo) Fernando Carlos Rodríguez Pérez e do exdeputado autonómico Modesto Pose como senadores en representación da comunidade autónoma por proposta do PPdeG os dous primeiros e do PSdeG o último.

Nunha votación secreta en urna, os cargos elixidos polo PPdeG recibiron só o voto favorable do grupo maioritario; mentres que o socialista só contou con 12 votos dos 17 posibles dos seus compañeiros de filas -o exalcalde de Santiago Xosé Sánchez Bugallo non acudiu tras fracturarse o nariz o luns-. Deste modo, foron cinco os parlamentarios que expresaron así o seu malestar coa decisión da dirección do PSdeG de enviar o veterano militante á Cámara alta.

Así as cousas, eses cinco deputados socialistas sumáronse á posición de AGE, BNG e o Grupo Mixto de votar en branco á designación dos senadores en representación do Parlamento de Galicia.

Ao termo da sesión, a preguntas dos xornalistas, Modesto Pose -o único dos designados senadores que acudiu á Cámara- restou importancia ao resultado da votación e afirmou que nin sequera sabía se é que faltaba algún dos deputados socialistas. E, tras asumir que as votacións individuais poden evidenciar distintas posturas, abundou en que é unha cuestión “menor”.

“Sei que a dirección do partido, que é como se funciona en política, proponme para ser senador e estou moi agradecido,”, resolveu, non sen resaltar que traballará para estar á altura da misión que se lle encomendou. “Un voto máis ou un voto menos non me preocupa, nin saber quen (non o apoiou). Non ten relevancia”, resolveu o anterior secretario provincial do PSOE en Pontevedra.

MOMENTO DE “RESPONSABILIDADE”

Dito isto, reiterou o seu “orgullo” por ser proposto e incidiu en que contribuirá a “defender” a comunidade “en todos os ámbitos” e tamén a poñer en práctica características “inherentes aos socialistas” como “a racionalidade e a responsabilidade”.

Precisamente este último principio considerouno de grande importancia no actual momento político, do que comentou que “paga a pena” vivilo “case” aínda que “houbese que pagar” por formar parte del. “Imos ver se todo o mundo está no seu nivel de responsabilidade e á altura das circunstancias”, concluíu Pose.

23 de decembro de 2015 | 14:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.