publicidade hoxe

Catoira logra fondos da Unión Europea para un novo proxecto sobre a integración de inmigrantes e refuxiados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCatoira
A-
A+

O Concello de Catoira acaba de recibir a comunicación de que a Unión Europea aproba a posta en marcha do proxecto ELAINE, siglas en inglés de “Rede de autoridades locais europeas para a integración”, do que o municipio é socio.

O obxectivo do proxecto é o intercambio de experiencias e boas prácticas, aumentar a sensibilización e incrementar o coñecemento dos participantes nos temas relacionados coa integración de inmigrantes e refuxiados, tanto a nivel local como europeo. Ademais, o proxecto ten como obxectivo complementario fomentar a cooperación sustentable e permanente entre os socios do proxecto, nesta e noutras áreas.

As organizacións participantes no proxecto en calidade de socias son as seguintes:

– EU Office Skåne Nordost (Oficina Europea do Nordeste da rexión de Skåne), en Suecia, que envolve nove municipios. Promotor do proxecto.

– VIFIN – Integration knowledge center (Centro de coñecemento sobre integración), en Vejle, Dinamarca.

– East of England Strategic Migration Partnership (Asociación Estratéxica para as migracións do Leste de Inglaterra), Reino Unido.

– Concello de Maastricht, Países Baixos.

– Concello de Catoira, España.

As actividades do proxecto estarán enfocadas principalmente á realización de debates entre políticos a nivel local, funcionarios públicos e cidadáns sobre o tema do proxecto. Para iso levará a cabo un seminario de discusión en cada un dos países participantes.

Este proxecto conta cun orzamento de 23.960 euros para a celebración do seminario de Catoira e a asistencia ás reunións nos demais países, dos cales a UE achega 20.000 euros.

14 de decembro de 2015 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.