publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

As tres persoas falecidas no incendio de Vilalba intentaron saír dos cuartos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilalba
A-
A+
Europa Press

As tres persoas que morreron na mañá do martes nun incendio nunha casa no municipio lucense de Vilalba intentaron saír dos cuartos tras decatarse do lume segundo as primeiras investigacións. Ao respecto, o subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, manifestou  que “o que se pretende agora é chegar á orixe, saber, que é fundamental, a hora do inicio se se pode chegar a iso e saber se as vítimas non estaban nos cuartos”.

“Porque todo apunta a que puidesen intentar saír dos cuartos canto tiveron coñecemento do incendio”, sinalou o subdelegado. “Estase a iniciar a investigación, e saberemos o seu resultado unha vez chegue o informe da Guardia Civil de incendios”, apostilou.

Sobre as pescudas, Carballo comentou que “o equipo de investigación de incendios da zona de Galicia” da Guardia Civil se incorporou este mércores, dende as 9,00 horas, a analizar as causas do incendio nunha vivenda en Vilalba.

“A día de hoxe o único que sabemos é que apareceron tres restos de cadáveres que foron entregados ao forense e están sendo identificados polo Imelga”, afirmou.

Segundo os investigadores, todo apunta a que se trata dos cadáveres dos tres membros dunha mesma familia, un matrimonio de octoxenarios e a súa filla de mediana idade, que residían na casa queimada no barrio de Ribeira de San Simón da Costa, no municipio de Vilalba.

CAUSAS

Sobre as causas, o subdelegado do Goberno en Lugo fixo fincapé en que “o equipo de investigación de incendios da zona de Galicia se incorpora hoxe”. “Quedaron de estar ás nove da mañá en Vilalba para iniciar a investigación e as causas posibles do incendio”, confirmou.

Preguntado sobre a hipótese dunha mala combustión da cheminea da cociña como orixe do incendio, dixo que non a descarta. “Puido xurdir pola calor excesiva da cheminea que prendeu na casa, unha casa de madeira e de aí estendeuse a toda a casa”, concluíu.

2 de decembro de 2015 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.