publicidade hoxe

As alimarias invaden a Casa do Concello de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+
Alimarias expostas

Alimarias expostas

Non, no titular non hai dobre sentido. É só que o Concello está literalmente cheo de alimarias. Cobras, sacarranchas, crocodilos, delonciñas… pero tamén gatos, cans, monos ou un grande flamingo que teñen en común dúas cousas: ser de pau e ter saído da imaxinación de Leopoldo Bermúdez. Un artesán da madeira de Valdoviño que expón ata xaneiro as súas creacións no patio interior e na galería da casa consistorial. A bichería é o que máis chama a atención, pero na mostra de máis de cen pezas tamén atopamos figuras humanas, xoguetes, maquetas e mesmo unha carrilana que compoñen un catálogo naïf ben suxerente, inconfundible e xenuíno.

Os cualificativos de inconfundible e xenuíno veñen dados pola evidencia de que non haberá ninguén capaz de adscribir a mostra a ningunha corrente. O autor atopa en calquera cousa inspiración para porse mans á obra e darlle forma coa súa particular visión, única e intransferible. Non atende a proporcións, non atende tampouco a estéticas preestablecidas e o seu xeito de facer só se pode encadrar nunha fórmula pura e sen complexos da arte pola arte, sen pretensións, pero arte ao cabo no sentido da representación da realidade coa mediación creativa. 

Bermúdez elexiu a madeira como materia prima da súa expresión. Fai xoguetes -avións, camións, coches, tastarabás…-, caras e figuras humanas de manufactura e semblante inquedantes, bois xunguidos en carros, barcos de guerra -sen dúbida unha influencia do naval da ría-, hórreos, igrexas… nos que se apreza un interese por representar elementos cotiáns con maior ou menor fidelidade.

Porén, son as figuras animais -case todas colocadas na columnata do Concello- as que apuntan a ese algo máis que hai detrás da produción do artista de Valdoviño. No canto de reproducir ata o mínimo detalle a natureza, Bermúdez optou por aproveitar os propios caprichos da natureza como parte fundamental das obras. Así, buscou troncos e carabullos de formas curiosas que suxerisen formas animais aos que finalmente lles deu expresividade. Deste xeito unha póla retorta de figueira convértese nun gato alporizado que estes días garda a entrada ao salón de plenos, unha raíz revirada transfigúrase nunha serpe ameazante e un simple resto dunha poda é quen de parecerse a un mono. A natureza reconvertida en natureza. 

No espazo hai máis formas: un flamenco de porte imposible, un crocodilo case a tamaño real, un galo con ollos de parafuso, unha rella de arado transformada nunha grande ave… e incluso un couce impresionante convertido en carrilana, posto que Leopoldo Bermúdez, ademais de artista, é un dos referentes dos deportes de inercia en Galicia. 

En resume, a exposición de tallas que se pode visitar ata o 11 de xaneiro na Casa do Concello poderá gustarnos ou non, pero seguro que non nos deixará indiferentes.

16 de decembro de 2015 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.