publicidade hoxe

Arévalo e García de la Torre logran un acordo no deslinde entre Mos e O Porriño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMosO Porriño
A-
A+

Esta mañá reuníronse no Concello de Mos a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, a rexedora local do Porriño, Eva García de la Torre, un representante do ORAL, concretamente do Servizo de Xestión Catastral da Deputación de Pontevedra; e o secretario e interterventor municipais, para tratar o tema dos lindes entre ambas localidades.

A xuntanza caracterizouse pola boa sintonía entre ambas alcaldesas, chegando conxuntamente, Arévalo e García de la Torre, a un principio de acordo para solucionar o problema do grupo de veciños que actualmente tributa por Mos e que se consideran habitantes do Porriño.

Inícianse, polo tanto, as vías de solución da problemática con este primeiro acordo da Comisión Intermunicipal e a vindeira celebración de dúas xuntanzas de vital importancia: por unha banda convocarase unha Comisión de Deslinde á que asistan os veciños de  maior idade das parroquias implicadas, tanto do Porriño como de Mos, e por outra parte as alcaldesas teñen previsto reunirse tamén, no Porriño, cos veciños porriñeses que están a tributar por Mos e queren facelo polo Porriño, porque consideran que son habitantes deste segundo Concello, como así o foron ata fai uns poucos anos.

Ambas administracións locais están a traballar xa, ademais, con Catastro en Pontevedra para axilizar os trámites administrativos previos necesarios. 

Nidia Arévalo e Eva García de la Torre esperan poder realizar coa máxima rapidez posible as xestións a este respecto, para tranquilidade dos veciños e veciñas afectados/as.

1 de decembro de 2015 | 20:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.