publicidade hoxe

AGACA e “la Caixa” enriquecen as mañás dos escolares monfortinos con almorzos sans

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

O alumnado do segundo ciclo de primaria do colexio A Gándara (Monforte) tomará parte mañá nas actividades de “Almorz@ con Beizos Brancos”, un programa organizado por AGACA (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias) e Obra Social “la Caixa” que ten por obxectivo difundir fórmulas nutricionais sans entre os escolares de Galicia e amosarlles todos os procesos polos que pasa o leite, para poñer en valor ese alimento a nivel nutricional e social.

Escola e familia

A actividade comezará cunha charla na que se explicará a importancia do almorzo tanto no desenvolvemento físico como no rendemento académico de nenos e nenas. “Almorz@ con Beizos Brancos” fomenta o consumo de produtos naturais con alto valor nutricional, como lácteos, froitas e outros produtos da terra, fronte a outros procesados industrialmente, buscando involucrar non só a estudantes senón tamén a familias.

Nas aulas, tomaránun almorzo composto por pan galego con aceite, froita e leite con cacao (os estudantes con necesidades alimentarias especiais contarán con propostas adaptadas).

Ademais da vertente nutricional, os nenos e nenas aprenderán os procesos que pasa o leite dende que se extrae das vacas ata que chega aos seus vasos, mediante unha actividade lúdica coa que se busca tamén amosarlles os distintos traballos e tarefas que implica a actividade agraria así como a variedade de produtos que proceden do agro, para destacar a riqueza do medio rural galego. 

15 de decembro de 2015 | 13:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.