Actividades de dinamización lingüística en Redondela
O Servizo de Normalización Lingüística promove novas actividades lúdicas e formativas de dinamización lingüística para decembro e xaneiro, para reforzar a oferta orientada á poboación infantil, dentro do proxecto APEGO, de dinamización lingüística da primeira infancia.
• O vindeiro martes, 22 de decembro, chegará ao Auditorio da Xunqueira o espectáculo teatral A miña primeira viaxe, da compañía Xarope Tulú, unha peza teatral dirixida aos cativos e cativas de entre 3 e 10 anos. Este espectáculo é unha adaptación do libro-álbum do mesmo título escrito por Paloma Sánchez Ibarzábal e publicado por OQO editora en febreiro de 2012.
A miña primeira viaxe é a historia do comezo da vida humana. Un bebé viaxa dentro da súa cápsula por un universo descoñecido, non sabe cara a onde vai, nin quen é. Pero non ten medo se sente o TUM-TUM dos motores.
Esta é unha historia de transformación, de procura da propia identidade.
A función comeza ás 18:00 h no Auditorio da Xunqueira e ten aforamento limitado. As entradas pódense adquirir dende o día anterior á función cun prezo de 2 € para público infantil, e 4 € para adultos.
• O domingo 3 de xaneiro será o momento de gozar de música infantil en galego da man de Paco Nogueiras, que presenta o seu traballo Brinca Vai.
“BRINCA VAI!” son 12 cancións para os 12 meses do ano, todas elas compostas e interpretadas por Paco Nogueiras nun amplo abano de estilos musicais: techno, rock, folc, reggae ou música electrónica.
O espectáculo mostra o contido musical o libro-disco publicado por Kalandraka do mesmo nome, con ilustracións de David Pintor.
A música e a diversión están garantidas con este músico do chapeu azul que fará brincar e cantar a toda a rapazada.
A función será ás 18:00 h no Auditorio da Xunqueira, con entrada única a 3 €.
• E como actividade formativa, os días 14 e 21 de xaneiro vaise desenvolver un Obradoiro de recursos en galego para persoal da escolas infantís, coa intención de facilitar ao persoal que traballa nos centros de ensino e nas escolas infantís de Redondela recursos e materiais de aula para desenvolver o seu traballo diario en lingua galega. Neste obradoiro desenvolveranse diferentes actividades de sensibilización (audiovisuais, debates e outras dinámicas para a reflexión) e presentaranse diversos materiais educativos para o alumnado de ensino infantil.
O obradoiro desenvolverase na Casa de Cultura de Redondela, os xoves 14 e 21 de xaneiro, en horario de 16:30 a 20:30 h.
A actividade é de balde e con prazas limitadas, polo que cómpre inscribirse a través do correo electrónico normalizacion@redondela.es ou no teléfono 986 400 106.