publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta reúnese cos representantes municipais do Porriño e Fornelos para a posta en marcha da área metropolitana de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFornelos de MontesO PorriñoPontevedra
A-
A+

O director xeral de Administración Local, Alberto Pazos Couñago, reuniuse hoxe cos representantes municipais do Porriño e Fornelos de Montes que non participaran nas xuntanzas mantidas cos respectivos alcaldes para a posta en marcha da área metropolitana de Vigo.

Pazos Couñago, que pechará o luns a rolda de contactos coa reunión cos portavoces municipais do Concello de Vigo, constatou a coincidencia dos representantes de Fornelos e O Porriño cos criterios en canto aos principais asuntos. É o caso da gobernanza, na que se coincide na defensa do voto ponderado, pero sempre con consenso; ou o sistema de financiamento, para o que existe un acordo xeneralizado coa proporcionalidade formulada.

O director xeral constatou tamén a coincidencia dos representantes municipais coa maioría dos concellos integrados na área metropolitana sobre a necesidade de que o Concello de Vigo se integre no Plan de Transporte Metropolitano, que xa está en marcha na súa área, nos mesmos termos que os demais concellos e integrando o transporte urbano.

Neste senso, o director xeral de Administración Local lamentou que o asunto do transporte metropolitano sexa actualmente un escollo importante e que soamente se pode solucionar se existe un cambio de actitude por parte do Concello de Vigo, xa que se trata dunha exixencia de todos os alcaldes. “Trátase dunha exixencia razoable, posto que é unha competencia práctica e con vantaxes para os cidadáns”, indicou Pazos Couñago.

O representante autonómico explicou tamén que se hai vontade de diálogo efectivo se poden acurtar os prazos, pero esa vontade ten incluír o compromiso de todas as administracións. Nese sentido, reclamou á Deputación de Pontevedra o mesmo compromiso de cesión de competencias que xa ten realizado a Xunta.

Unha vez culminados estes encontros, o vicepresidente convocará a todos os alcaldes a unha reunión para poñer en común as conclusións e buscar acordos nos puntos sobre os que aínda hai discrepancias.

Conclusións das xuntanzas

A primeira das conclusións que se extraen das xuntanzas mantidas é o convencemento profundo da maioría dos participantes sobre a necesidade de constituír de maneira efectiva a Área Metropolitana de Vigo, da que se derivarían importantes vantaxes para o conxunto da cidadanía.

Para acadar ese obxectivo, compre alcanzar un amplo consenso en torno a catro cuestións fundamentais que constituíron o núcleo esencial do debate. En primeiro lugar, a Gobernanza, debéndose atopar un punto de equilibrio nas demandas de representación de concellos de moi distinto peso poboacional. En segundo lugar, o financiamento, respecto ao que se demanda o mantemento da formula prevista no texto da Lei 4/2012, que garante a proporcionalidade das achegas realizadas polos concellos para o sostemento dos sistemas xerais da AMV.

O terceiro punto a consensuar é o relativo ao transporte metropolitano, ao considerar que constitúe o primeiro servizo básico que debe prestar a Área metropolitana, e que en si mesmo, xustifica a súa existencia. Por último, a coordinación institucional, reclamando da Xunta e da Deputación Provincial un compromiso inequívoco no proceso de transferencia de competencias que deberán acompañarse dos recursos financeiros que as sustentan.

4 de decembro de 2015 | 19:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.