publicidade hoxe

A reserva da biosfera inicia un novo programa de emprego para 75 veciños en paro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+

O presidente da Reserva de Biosfera As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, José Antonio Santiso, inaugurou hoxe o programa integrado de emprego “Bio-Emprende” na Fundación Juana de Vega. Trátase dun plan de formación para desempregados no campo da agricultura ecolóxica e/ou á elaboración de transformados agroalimentarios.

Nesta ocasión, son 75 os veciños en paro da comarca que poderán formarse en tres itinerarios diferentes: produción hortícola e froitícola ecolóxica,  agroindustria e transformados, emprendemento verde e  iniciativa emprendedora.

O programa da reserva tentará abordar a agrotecnoloxía, viticultura, sensibilización ambiental, planificación da horta ou a empresa agraria. Por outra banda, no campo da agroindustria formaranse en temas coma a elaboración de cervexa artesá, sidra, marmeladas, conservas vexetais, herboristería e finalmente levarán a cabo un curso de manipulador de alimentos.

“O obxectivo da Reserva da Biosfera non é só protexer o medio ambiente e os nosos recursos naturais se non arecuperación das actividades económicas tradicionais, promocionar as nosas empresas e aos seus produtos, e ampliación dos mercados para os produtos, a través das marcas de calidade”, apuntou Santiso.

Tras a inauguración, Santiso desprazouse ata o Viveiro de Empresas do Polígono de Iñás, en Oleiros, para coñecer de primeira man as dúas actividades emprendedoras que xurdiron deste proxecto e que resultaron adxudicatarias dos viveiros preparados pola reserva grazas á cesión de nave e terreo por parte do Concello de Oleiros.

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, e o seu homólogo de Paderne, vicepresidente das Mariñas Coruñesas, César Longo, asistiron tamén a visita para coñecer de primeira man aos dous emprendedores.

A empresa Orbillo, que ten a súa orixe en Paderne, optou a este programa e puido comezar a distribuír e empaquetar os seus produtos do campo da  herboristería neste viveiro de emprendemento de Industrias Agroalimentarias.

E o emprendedor Javier Sánchez, beneficiario do viveiro de emprendemento hortícola, comezou en Iñás a traballar nun proxecto de agricultura ecolóxica.

A iniciativa de As Mariñas Coruñesas, coa implicación de Oleiros, pretende así apoiar de forma directa á posta en marcha de proxectos de emprendemento vinculados ao territorio, tras a formación práctica impartida no programa integrado de emprego.

A posta en marcha de cada viveiro requiriu un investimento duns 40.000 euros. A iniciativa foi financiada nun 80% por Agader.

14 de decembro de 2015 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.