publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Rede de Dinamización Lingüística celebra en Celanova a súa xuntanza de 2015

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCelanovaGaliciaLocal Portada
A-
A+

O Mosteiro de San Salvador acolleu na tarde de hoxe a cuarta xuntanza ordinaria anual do Consello de Membros da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, que presidiu o secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Valentín García, titular da RDL. Contou, asemade, coa asistencia de 22 representantes políticos das entidades participantes na RDL.

Adheridas 15 novas entidades

A orde do día desta xuntanza ordinaria incluíu a ratificación da solicitude de adhesión de 15 novas entidades, así como a aprobación da Memoria de actividades do ano 2015 e a Programación de actividades para o ano 2016. O derradeiro punto tratou o papel da lingua galega como responsabilidade social das entidades pertencentes á RDL.

Deste xeito, xa son 170 os membros que conforman a Rede de Dinamización Lingüística. Entre eles atópase a metade dos concellos galegos e outras entidades, como o Consello da Cultura Galega e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

Máis de 170 iniciativas e milleiros de asistentes

O presidente da RDL deu conta da ampla programación de actividades que chegou aos concellos durante o ano 2015 baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Os programas de dinamización lingüística ‘FalaRedes 2015′, ‘Os Axóuxeres’ e ‘Nadal en Rede’ -canda a conmemoración das Letras Galegas 2015, e a celebración do Día Internacional da Lingua Materna 2015- incluíron numerosas propostas, que chegaron aos concellos entre os meses de marzo e decembro, destinadas a promover e reforzar o uso da lingua propia de Galicia nos diferentes ámbitos e espazos de uso, nun total de 172 sesións.

Traballo conxunto para impulsar e visibilizar o idioma

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou “o grande avance que supuxo a posta en marcha da Rede de Dinamización Lingüística para coordinar, mellorar e visibilizar as actividades de dinamización lingüística, que a RDL permite estender por todo o territorio galego”. A nova Programación de actividades para o ano 2016 aprobada, de xeito unánime, polo Consello de Membros -tras ser esta elevada pola Xunta Directiva da RDL a proposta da súa Área Técnica- inclúe a promoción do uso do idioma no ámbito das novas tecnoloxías -considerado transversal no Plan xeral de normalización da lingua galega- e aproveitar as sinerxías que se poidan producir pola recente creación do dominio .gal, ao que xa se adscribiron a Xunta de Galicia, o Consello da Cultura Galega, as tres deputacións da RDL e 82 concellos dos 314 existentes en Galicia.

Outra das iniciativas destacadas na devandita programación é a campaña de dinamización lingüística no tecido económico. Búscase incidir neste desde o ámbito local, aproveitando para iso a vindeira posta en marcha do Plan de dinamización da lingua galega 2015-2020 que está a preparar a Xunta en colaboración cos principais axentes implicados no eido empresarial e na promoción do uso da lingua galega.

Promoverase, tamén, o emprego, a utilidade e a visibilidade da lingua propia de Galicia en actos e cerimonias de carácter relixioso e civil, cunha nova edición de textos para bautismos, casamentos, defuncións, funerais ou acollementos.

Ademais destas iniciativas, están contempladas accións conxuntas de homenaxe ao escritor Xosé Neira Vilas, a reedición do programa ‘Nadal en Rede’, actuacións en eventos lingüísticos, efemérides e festas, así como a celebración do Día da Ciencia en Galego e o programa familia, infancia e mocidade.

A programación propia da RDL complementarase, por quinto ano consecutivo coa programación que a Secretaría Xeral de Política Lingüística lle destinará en exclusiva á RDL, concretamente os coñecidos programas de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ e ‘Os Axóuxeres’. Á cita de hoxe, púxolle o peche un concerto de ’2naFronteira’, dúo composto por Carme Penim e Maurizio Polsinelli, que cantaron a Manuel María, autor homenaxeado nas Letras Galegas 2016.

Rede de Dinamización Lingüística

A RDL é un proxecto impulsado polo Goberno galego no ano 2010, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, no que a día de hoxe participan case 170 entidades de Galicia, co obxectivo prioritario de establecer e consolidar vías estables de colaboración, cooperación e coordinación entre as administracións local e autonómica, dando así un paso máis na promoción planificada do noso idioma. Ampliar os usos da lingua galega, incrementar o seu prestixio e favorecer a súa visibilidade nos distintos ámbitos sociais son os seus principais propósitos.

O diálogo entre administracións, entidades, fundacións, asociacións, colexios profesionais, consorcios, entre outras entidades, supón unha nova dinámica de traballo na que se priman a optimización dos recursos, quérense evitar as duplicidades e búscase favorecer unha política lingüística máis eficiente e eficaz. A partir dunha planificación lingüística conxunta, a RDL está a definir estratexias básicas comúns en todo o territorio e compartindo experiencias, materiais e información entre os seus diferentes membros. Máis información no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.lingua.gal.

14 de decembro de 2015 | 20:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.