publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Laracha solicita a participación en convocatorias provinciais para desenvolver programas culturais, deportivos, sociais e turísticos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Concello da Laracha solicitará a participación en diferentes convocatorias de subvencións da Deputación Provincial da Coruña dirixidas a cofinanciar diversidade de proxectos e actuacións nos eidos cultural, deportivo, turístico, social e de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres (bases publicadas no BOP número 221 do 18 de novembro de 2015). Ese foi o principal acordo da última sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local.

O contido dos programas que pretende levar a cabo o goberno local da Laracha con cargo a estas liñas de axudas céntranse no desenvolvemento de actividades, mantemento do programa Harmoniza, promoción dos recursos turísticos máis relevantes e actuacións de investimento en infraestruturas municipais. 

No que atinxe ao desenvolvemento de actividades, o Concello da Laracha pretende cofinanciar os programas propios culturais e deportivos (inverno, verán, Nadal, Entroido, Mes do Libro e Letras Galegas) que se desenvolven ao longo de todo o ano, así como os de envellecemento activo (seráns de baile, obradoiro de memoria, cursos de alfabetización dixital, etc.).

A través do programa Harmoniza (igualdade de oportunidades entre homes e mulleres) o Concello da Laracha ten en funcionamento a aula lúdica municipal no edificio de servizos múltiples, un servizo gratuíto de axuda á conciliación laboral e persoal das familias con nenos de 3 a 12 anos de idade. 

En relación ao turismo, a achega destinaríase a reforzar a promoción da Romaría dos Milagres de Caión e da Feira das Cereixas de Paiosaco (as dúas festas declaradas de interese turístico autonómico), así como de recursos destacados do termo municipal como a vila de Caión e o mosteiro de San Pedro de Soandres. 

Salientar tamén que os proxectos de mellora de infraestruturas municipais afectarían principalmente a equipamentos e instalación de tipo cultural e deportivo. 

Licencias urbanísticas

Na Xunta de Goberno tamén foron concedidas dúas licencias urbanísticas maiores, ambas para a construción de vivendas unifamiliares.

18 de decembro de 2015 | 19:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.