publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación da Coruña impulsará o entroido rural da Ulla

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA EstradaBoqueixónSantiago de CompostelaSilledaTeoTouroVedraVila de Cruces
A-
A+

A tradición dos Xenerais da Ulla conmemórase en máis de 21 lugares e parroquias de oito concellos que promoven un plan para a dinamización conxunta do seu entroido rural. A Deputación da Coruña, a través da súa área de Turismo, comprometeuse a impulsar esta manifestación tradicional.

O deputado da área de Cultura, Turismo e Patrimonio Histórico-Artístico, Xosé Regueira reuniuse neste mércores co alcalde de Boqueixón, Ovídeo Rodeiro, a concelleira de Promoción Económica de Teo, Conchi García e o concelleiro de Turismo de Vedra, Manuel Costa como representantes dos oito concellos que impulsan o Plan para a Promoción conxunta do Entroido Rural Tradicional dos Xenerais da Ulla. Na xuntanza, o deputado nacionalista comprometeuse a apoiar a recuperación do entroido da Ulla, unha manifestación única do noso patrimonio cultural con grande potencialidade de atracción turística e manifestou a vontade de abrir novas canles de comunicación entre as institucións implicadas para a súa dinamización.

Boqueixón, Santiago de Compostela, Teo, Touro, Vedra, Vila de Cruces, Silleda e a Estrada son os concellos que están a recuperara os Xenerais da Ulla con distintas fórmulas que van dos Xenerais, os Correos, o Abandeirado, O rei e a raíña, o Coro de Vellos ou as distintas comparsas. Os oito concellos desenvolven desde o ano 2012 accións conxuntas de cara á conmemoración do seu entroido tradicional mais, de cara o ano 2016, queren impulsar un plan de promoción conxunta que afonde non só na conmemoración senón tamén na difusión e investigación con intención patrimonial, cultural e turística.

Despois da xuntanza na Deputación da Coruña, os concellos teñen sobre a mesa un vindeiro encontro na Deputación de Pontevedra co fin de aprobar o protocolo de colaboración conxunta que proporcione un novo impulso aos Xenerais da Ulla. “Temos vontade común de abrir novas canles de comunicación para un futuro protocolo de impulso desta manifestación tradicional de gran repercusión non só na propia veciñanza da comarca senón como atractivo turístico”, sinalou Xosé Regueira.

16 de decembro de 2015 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.