publicidade hoxe

Xunta e Concello de Guitiriz colaboran na tramitación do PXOM cara a súa aprobación definitiva

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGuitiriz
A-
A+
Encarnación Rivas na reunión coa alcaldesa de Guitiriz. Foto: C. Paz

Encarnación Rivas na reunión coa alcaldesa de Guitiriz. Foto: C. Paz

A Xunta colaborará co Concello de Guitiriz no proceso de tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) co obxectivo de conseguir a súa aprobación definitiva. A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, mantivo unha reunión coa alcaldesa, Regina Polín, na que acordaron impulsar a coordinación institucional para axilizar ao máximo o plan xeral.

No encontro analizouse o estado actual da tramitación do documento de planeamento, que fora aprobado inicialmente polo Pleno do 02/07/2009 e que camiña cara á aprobación provisional. Na xuntanza, aclaráronse dúbidas e acordáronse criterios, previa a probación provisional do documento polo pleno municipal.

Vindeiros pasos

Unha vez superado o trámite de aprobación provisional, o Plan será remitido á Xunta de Galicia para a súa aprobación definitiva. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo disporá dun prazo de 3 meses para emitir a Orde, unha vez comprobada a integridade do expediente e do proxecto do documento.

A secretaria xeral e a alcaldesa coincidiron na necesidade de que o Concello de Guitiriz conte cun documento que permita ordenar e planificar o seu desenvolvemento cara o futuro, coa precisa garantía xurídica. O novo documento porá fin a normativa urbanística vixente dende fai 30 anos, o que suporá maior calidade de vida para todos os seus veciños.

A secretaria xeral destacou a colaboración do Goberno galego co Concello de Guitiriz tamén no eido económico, xa que axuda que recibiu a entidade local para redactar o PXOM ascende a 204.190 euros

11 de novembro de 2015 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.