publicidade hoxe

Unha quedada-exhibición con 50 coches traerá a Silleda un gran espectáculo de motor

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSilleda
A-
A+
Presentación da cita co motor

Presentación da cita co motor

A Feira Internacional de Galicia ABANCA acollerá o vindeiro 21 de novembro unha gran quedada-exhibición na que están inscritos 50 coches tanto de competición como preparados para demostracións.

O evento foi presentado esta mañá no recinto por dous representantes desta cita do motor, Floriano Ucha e Aníbal Cortés, quen destacaron que “merecerá a pena” acudir polo “gran espectáculo” que ofrecerán os participantes. Neste sentido  subliñaron que “haberá coches  con cerca de 1.000 cabalos” e que participarán “os mellores pilotos do norte de Portugal” e tamén algúns recoñecidos en Galicia, como Rodrigo Caixas. Así mesmo, indicaron que a quedada-exhibición se levará a cabo igual aínda que o tempo no acompañe e que a intención é seguir organizando este evento si “sae ben” e o público responde, dadas as boas condicións do recinto para elo.

Na presentación tamén participou Ricardo Durán, director da Fundación Semana Verde de Galicia, quen expresou a súa “satisfacción” por acoller este evento que supón “unha nova vinculación co mundo do motor” e tamén pola intención dos organizadores do mesmo de “repetir de forma periódica no recinto”. Ademais, destacou que supón “un paso adiante para a Fundación” tras a invitación desta a organizadores externos que quixeran “aproveitar o recinto e as facilidades económicas que este pode ofrecer grazas á súa boa marcha e ao apoio da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e ABANCA”. 

Unha cita con gran espectáculo

A quedada-exhibición converterase nun punto de encontro tanto para os pilotos inscritos, a maioría ao mando de coches BMW, como para os afeccionados ao mundo do motor que acudan como público. Estes últimos poderán desfrutar dun vistoso espectáculo no que vehículos de gran cilindrada e con tracción traseira realizarán xincanas, derrapes ou queimadas de roda, entre outras demostracións. 

Ademais das exhibicións dos pilotos participantes, que proceden das catro provincias galegas e de Portugal, a quedada tamén contará cunha exposición na que o público poderá ver algúns vistosos vehículos.

Este evento, que se celebra por primeira vez na comarca do Deza pero xa conta con experiencias noutras zonas de Galicia, comezará en torno ás once da mañá e terá unha duración aproximada de 16 horas. O prezo de entrada para o público será de 3€.

Stock-Car Galicia 2015

Por outra banda, o organizador da feira do automóbil de ocasión Stock-Car Galicia, que se ía celebrar do 20 ao 22 de novembro, informou ao recinto de que non conseguiu organizalo para esas datas, polo que a Fundación recolle a testemuña para tratar de levalo a cabo o vindeiro ano.

12 de novembro de 2015 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.