publicidade hoxe

Tres establecementos participarán no II Día da Tapa Micolóxica de Lousame

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

A Taberna-Café A do Panadeiro (O Sanguinal – Tállara), o Café Bar Parrillada Lousame (Aldeagrande) e a Parrillada Miguel (A Escabia – Fruíme) participarán este venres 20 de novembro, a partir das 20:00 horas, a segunda edición do Día da Tapa Micolóxica de Lousame. Unha iniciativa que foi presentada esta tarde pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e por María Eugenia Soto, de Parrillada Miguel, e Santiago García, de A do Panadeiro.

Así, todas aquelas persoas que durante a tarde/noite do venres se acheguen por algún destes establecementos recibirán coa súa consumición unha tapa cunha base de setas. A Taberna-Café A do Panadeiro, establecemento no que naceu a iniciativa en 2014, preparará dúas tapas: empanada de polo con setas e unha receita especial da casa. Os que se acheguen polo Café-Bar Parrillada Lousame poderán degustar un Rissoto de setas e un Volovan con setas. Finalmente, a Parrillada Miguel proporá un pincho moruno con setas.

Teresa Villaverde indicou que esta iniciativa xurde para promover o sector hostaleiro do municipio, coincidindo tamén coa tempada dun produto característico dos nosos montes como son os níscalos. “Comezamos o ano pasado e penso que foi todo un éxito, pois centos de veciños de Lousame como xentes de municipios veciños se achegaron a disfrutar desta degustación gratuíta. Polo que este ano é unha satisfacción poder contar con outros dous participantes máis, pois suporá un maior atractivo para esta Xornada da Tapa Micolóxica”, explicou a alcaldesa de Lousame. 

A alcaldesa agarda que numerosos veciños e veciñas de Lousame e xente da comarca se acheguen este venres a disfrutar “dunha ruta gastronómica por Lousame digna de saborear entre amigos”. Teresa Villaverde agradeceulle aos participantes nesta iniciativa “o esforzo por ofrecer un variado elenco de catas” e amosou o seu desexo de que nos vindeiros anos se vaian sumando máis establecementos.

María Eugenia Soto adiantou que no seu local van ofrecer un pincho moruno con setas, un revolto con setas “e algunha que outra sorpresa”. Tamén Santiago García anunciou que o venres á noite desvelará “unha receita sorpresa da que só podo adiantar que levará boletus e níscalos”. Ofrecerá esta preparación xunto do polo con setas que tanto éxito colleitou o ano pasado.

18 de novembro de 2015 | 20:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.