publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Suso Basterrechea expón os seus debuxos na Galería da Casa do Concello de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Mestre, político e artista. Tres facetas que se poden ordenar como se queira para definir a Suso Basterrechea, un ferrolán formado na pintura que despois se volcou coa escultura e que ultimamente transmite ideas valéndose do debuxo e fuxindo sempre dos adoutrinamentos. Unha escolma dos seus cadros pode visitarse ata primeiros de decembro na Galería da Casa do Concello.

Máis que cadros son carteis. Por varias razóns. Primeiro polas súas dimensións próximas aos estándares do cartelismo, 110×80 cm., segundo porque o soporte é o papel e terceiro porque o seu estilo está máis na órbita visual da arte urbana e do grafito que puidéramos entender como “pintura convencional”. Froito todo das influencias recoñecidas polo propio autor do expresionismo alemán e americano e dun constante mirar a todo o que o rodea, incluso as tendencias noutros campos da arte visual coma a banda deseñada ou a tatuaxe.

Basterrechea formouse como pintor, despois deu o salto á montaxe escultórica contemporánea e neste momento mostra especial querencia polo debuxo sen saír da contundencia formal do minimalismo. As obras que trouxo a San Sadurniño combínanse de forma acumulativa achegando un discurso complexo e irónico fundamentado nos textos contrapostos ás imaxes. 

Asegura que non lle interesa o concepto “debuxo”, senón o de encher paredes baleiras vestíndoas cunha segunda pel na que, ao tempo, se estampan mensaxes que requiren a implicación de quen mira. Tampouco quere adoutrinar, senón facer pensar a través desa mestura conceptual do trazo groso, case líquido, de témpera e do esmalte coa precisión matemática da tinta transformada en palabras.

Unha das constantes que suxiren os carteis expostos é a do desacougo. O autor conta nunha entrevista de 2013 que en certa ocasión escoitou dicir que “a arte contemporánea é un castigo” e a partir de aí buscou reflectir dalgún xeito o castigo. Por iso algunhas das obras xogan -case sempre con ironía- con espazos onde a luz e a vida parecen estar sometidas a algún tipo de control ou opresión externa.

Esta escolma da obra de Suso Basterrechea estará aberta ata o día 9 de decembro na Casa do Concello. Pode visitarse en horario de mañá de luns a sábado.

Leandro Lamas no salón de plenos

A exposición de Basterrechea cadra no tempo coa chegada ao Concello do cadro de Leandro Lamas que a partir de agora presidirá o salón de plenos. A obra é unha táboa de grande formato cargada de elementos que son, en realidade, unha alegoría do San Sadurniño -o de hoxe e o do futuro- visto polo artista durante o proceso creativo. 

O cadro quere ser representativo dun territorio comprometido co ambiente e a sustentabilidade que ten na súa veciñanza o principal motor dunha sociedade libre, igualitaria e integradora. De aí que o lugar elixido para expor a obra sexa o salón de sesións. “Este cadro simboliza o que é e o que queremos que siga sendo San Sadurniño no futuro”, explica o titular de Participación veciñal Manolo Varela, para quen Leandro Lamas “acertou plenamente coa mensaxe”.

17 de novembro de 2015 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.