publicidade hoxe

San Sadurniño leva mañá a pleno a aprobación inicial do PXOM

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A sesión ordinaria do pleno municipal correspondente ao mes de novembro recolle na súa orde do día 11 puntos dos que un terzo serán de trámite, outro terzo mocións e a terceira parte restante centrarase en asuntos de calado para a xestión municipal. Porén, posiblemente sexa a aprobación inicial do planeamento xeral do concello o que máis atención atraia, posto que será o primeiro documento urbanístico co que contará San Sadurniño tras dez anos de redacción no medio de constantes cambios na normativa autonómica reguladora do chan.

O pleno comezará ás 11.30h. tratando cinco puntos que, case con toda seguridade, ocuparán escasos minutos de debate. Os dous primeiros son os obrigados da aprobación da acta anterior e a ratificación e toma de razón de acordos e resolucións emitidas nas últimas semanas. Unha delas é a da liquidación do orzamento de 2014, que se pechou cuns remanentes de tesouraría cercanos aos 700.000 euros. Nesta primeira parte da sesión tamén se someterá á aprobación da corporación a modificación da ordenanza fiscal da subministración de auga potable no sentido de que os recibos pasen a cobrarse trimestralmente en coincidencia cos periodos de recadación do canon establecido pola Xunta de Galicia. Noutro punto aprobarase, ademais, cambiar a literatura dun dos artigos do regulamento de Participación Veciñal para adaptalo á nova denominación das áreas de goberno. Por último, este primeiro bloque inclúe a proposta de ratificación do acordo alcanzado co persoal funcionario do Concello sobre as percepcións económicas en caso de incapacidade temporal.

O sexto punto ocuparase dun recoñecemento extraxudicial de créditos e da aprobación inicial do correspondente expediente de modificación. Unha denominación que, malia incorporar as palabras “extraxudicial” e “créditos”, nada ten que ver con pleitos ou coa solicitude de préstamos. Este procedemento permite incorporar ao orzamento actual facturas pendentes de pagamento doutros exercicios e, máis en detalle, a que lle corresponde a EPTISA -a empresa redactora do PXOM- e que debe ser abonada cadrando coa aprobación inicial do planeamento e, por outra banda, as referidas aos pagamentos a SOGAMA sobre os que xa houbo sentenza, é dicir, as facturas de maio a decembro de 2014. O montante total da modificación ascende a 79.649,08 euros que, tal e como se desprende do informe da Intervención municipal, non lle afectaría ao cumprimento da regra de gasto nin da estabilidade orzamentaria ao nutrirse, precisamente, dos 698.000 euros de remanentes de tesouraría. 

No referido ás facturas de SOGAMA cómpre puntualizar que o Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 1 de Ferrol acaba de ditar un auto no que suspende o procedemento de reclamación de cantidades interposto pola empresa participada pola Xunta. Deste xeito, o auto deixa sen efecto a obrigatoriedade de pagar facturas sobre as que aínda non había sentenza, á espera de que se pronuncie o Tribunal Constitucional sobre a cuestión de constitucionalidade presentada por un xulgado de Ourense a instancias do Concello de Piñor. Unha cuestión fundamentada na suposta ilegalidade cometida pola Xunta ao vincular a aprobación do canon do lixo á lei de orzamentos autonómicos.

Aprobación inicial do PXOM

Este pleno ordinario de novembro cobra unha especial trascendencia por incluír a aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Un documento agardado tras anos de andar cara adiante e cara atrás debido ás sucesivas modificacións na normativa galega que regula a xestión do territorio. 

A aprobación inicial do planeamento abrirá un periodo de 2 meses para que calquera persoa poida revisar o seu contido e presentar as alegacións que considere oportunas. Para facilitar información sobre este proceso o Concello ten previsto iniciar este mesmo luns unha rolda de xuntanzas por todas as parroquias, onde se falará principalmente de cales son os obxectivos do planeamento e de que maneira se poderá alegar. 

Neste sentido, a cartografía e outra documentación exporanse no patio interior da casa consistorial e tamén na web municipal. Ademais, a arquitecta municipal estará dispoñible tres días na semana para solventar dúbidas e axudar coas alegacións.

Mocións

Tralo asunto do PXOM o pleno adentrarase no apartado das mocións. Na orde do día incluíronse tres presentadas antes da convocatoria da sesión. A primeira delas, do BNG, céntrase na promoción do ano 2016 como “Ano das Irmandades da Fala” co gallo do centenario da fundación deste colectivo. As outras dúas proveñen da organización política Eliximos Narón -integrada no grupo mixto dese concello- que reclamará, dunha banda, que se inste á Xunta para a mellora da cobertura das ambulancias de urxencias na área de Ferrolterra e, doutra, que se cree unha comisión de traballo nos municipios da zona para elaborar un plan territorial de xestión de residuos e que se aposte pola creación dunha sociedade pública para a recollida e tratamento sustentable do lixo de toda a comarca.

6 de novembro de 2015 | 18:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.