publicidade hoxe

San Sadurniño e Deputación negocian o traspaso de dúas vías provinciais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaSan Sadurniño
A-
A+

Os responsables de Infraestruturas viarias e de Patrimonio da Deputación da Coruña, José Manuel Pequeño e Suso Soto, mantiveron esta mañá unha xuntanza co goberno local co obxecto de negociar a cesión de dúas das tres estradas provinciais que pasan por San Sadurniño así como a execución previa de varios proxectos de mellora, cifrados nun total de 937.000 euros. Os tres memorias valoradas preparadas polo Concello contemplan o aglomerado das estradas entre o Campo da Feira e Riboira e entre a rotonda do Outeiro e a Cruz da Lamestra, ademais da construción de sendas peonís en Ferreira, Silvalonga e Santa Mariña do Monte.

A proposta que agora deberá avaliar o goberno provincial pasaría por transferirlle ao Concello a titulariedade da estrada DP-7602 que vai desde a capela de Belén ata conectar coa AC-862 no lugar de Riboira, en Lamas, e tamén a DP-7601, que conecta o centro de San Sadurniño con Igrexafeita pasando por Ferreira.  

Tal e como sinalou o alcalde, Secundino García, “non ten sentido que estas dúas vías sexan da Deputación xa que se trata de estradas que unen puntos interiores do noso territorio, a diferenza da DP-7603 que é compartida por San Sadurniño e Valdoviño”. García sinalou que o cambio de titulariedade “simplificaría no futuro trámites como por exemplo a concesión de licenzas de obra nas zonas afectadas por estas estradas debido a que xa non sería preceptivo o informe técnico provincial senón que abondaría co do Concello”. 

Porén, antes de que o traspaso se materialice o San Sadurniño pretende que a Deputación acometa obras de mellora tanto no referido ao estado do firme como da seguridade peonil. Así, esta mesma mañá entregáronselles aos representantes provinciais -o titular de Infraestruturas viarias José Manuel Pequeño e o de Patrimonio, Suso Soto- as memorias valoradas das intervencións que se solicitan. Para a estrada do Campo da Feira a Riboira -1,55 km.- pensouse no aglomerado e no reforzo da sinalización tanto vertical como horizontal, cun prezo de licitación cercano aos 60.000 euros. Por outra banda, para a estrada de Ferreira -a obra de maior envergadura por ter 9 metros de ancho e 10,22 km.- tamén se optou polo aglomerado, a sinalización e, ademais, pola construción dunha nova senda peonil de 1 km de lonxitude entre A Camba e A Seara. O proxecto de execución das obras cifrou o prezo de licitación en 771.290 euros, ive incluído. 

Porén, ademais de solicitar o arranxo destas dúas estradas para que despois pasen a mans municipais, na xuntanza desta mañá tamén se presentou un terceiro proxecto referido á DP-7603 que vai desde o lugar de Agra en San Sadurniño ata o do Coval, en Valdoviño. Neste caso non se trata dunha idea nova, senón de retomar a proposta que se lle fixera á Deputación hai case catro anos sen que daquela se lograse o seu apoio. Basicamente proponse que o ente provincial constrúa unha senda peonil de case 700 metros en Silvalonga e outra de 840 metros en Santa Mariña, concretamente entre os lugares da Pena e a Gulpilleira. A memoria elaborada en 2012 -co ive ao 18% vixente daquela- cuantificaba as obras nun prezo de saída lixeiramente superior aos 105.000 euros que, co ive actual, se situaría en algo máis de 107.000.

O edil de obras, Manolo Beceiro, destacou a importancia destes investimentos “por tratarse de obras encamiñadas a mellorar a seguridade viaria e porque son obras que a xente está demandando”. Beceiro citou o caso da asemblea veciñal mantida este luns en Bardaos, na que quedou patente que as sendas peonís “son un dos investimentos que máis valora a veciñanza en zonas rurais coma a nosa, cunha media de idade elevada”. O concelleiro destacou, ademais, o “investimento importante” que suporía aglomerar a estrada de Ferreira que, tal e como asegurou,  “nestes momentos non se encontra nunhas condicións óptimas a pesar de que a Deputación obrou nela dúas veces nos últimos anos. Por iso queremos que se aglomere e que quede lista para moito tempo.”

Secundino García mostrouse confiado en que a xuntanza mantida esta mañá entre o goberno local e os representantes do goberno provincial “se traduza en resultados concretos tanto no referido ao traspaso da titulariedade das estradas como na execución das obras de mellora”. Con todo, o alcalde explicou que este primeiro encontro “foi unha primeira toma de contacto sobre a cuestión na que aproveitamos para visitar as zonas de actuación. Agora terá que ser a Deputación quen avalíe a proposta que lle fixemos.”

10 de novembro de 2015 | 20:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.