publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Raquel Arias supervisa os avances do obradoiro de emprego Río Masma de Foz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFoz
A-
A+
Raquel Arias supervisando os traballos do obradoiro

Raquel Arias supervisando os traballos do obradoiro

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, supervisou hoxe o funcionamento do obradoiro de emprego YEI Río Masma de Foz, organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, e no que traballan e se forman 15 xoves menores de 30 anos. Acompañouna na súa visita o alcalde do municipio, Javier Jorge Castiñeira.

Arias interesouse polo aproveitamento que os traballadores-alumnos están a facer do taller e explicou que “este é un dos cinco obradoiros que a Xunta ten en funcionamento na provincia de Lugo especialmente deseñados para mozos e mozas de entre 18 e 30 anos en situación de desemprego”.

Esta modalidade púxose en marcha este ano e arranca na provincia con cinco obradoiros nos que participan 16 concellos e un total 75 alumnos traballadores.

A Consellería, dixo, “decidiu desenvolver este tipo de iniciativas destinadas á xente moza que se atopa en situación de desemprego, centrándose en cubrir as súas necesidades formativas e en axudarlles a orientar ou reconducir o seu futuro profesional mentres realizan un traballo remunerado”.

A delegada tamén destacou o dobre obxectivo dos talleres de emprego, que forman e dan traballo ao mesmo tempo, porque “ofrecen ás persoas en situación de desemprego unha maior capacitación profesional que facilitará a súa futura inserción no mercado laboral á vez que reciben un salario”.

En total, a Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste 2,5 millóns de euros nos 15 obradoiros en marcha actualmente na provincia, que ofrecen emprego e formación a 277 persoas desempregadas. A Mariña, en concreto, acolle 5 destes obradoiros, nos que participan 13 concellos e máis dun centenar de persoas entre alumnos, monitores e persoal de administración.

O obradoiro Río Masma de Foz imparte a especialidade de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes.

As obras que están a acometer os rapaces participantes comprenden diversas actuacións en parques, xardíns, zonas verdes e áreas recreativas do municipio. Estas actuacións estarán rematadas en marzo, mes no que finaliza o taller.

No Concello de Foz tamén se está a desenvolver o obradoiro de emprego Pardo de Cela II, que forma e da traballo a 20 persoas procedentes deste municipio e dos veciños concellos de Alfoz, Mondoñedo e O Valadouro. Orientado a desempregados de calquera idade, conta con dúas especialidades: instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e actividades auxiliares en conservación e mellora de montes.

Igualmente, o taller da emprego a catro membros do equipo de monitores e administración, e contempla a realización de traballos de acondicionamento na conca do río Moucide e na do río Ouro e os seus afluentes. Rematará en febreiro.

19 de novembro de 2015 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.