publicidade hoxe

Poucos traxes e moitos Balbinos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoqueixón
A-
A+
Neira Vilas xunto ao mestre da CRA de Sarandón e varios "balbinos"

Neira Vilas xunto ao mestre da CRA de Sarandón e varios “balbinos”

O escritor Neira Vilas é nomeado socio de honra da Fundación Manuel Gacio rodeado de amigos e veciños. A Fundación Neira Vilas atópase en Gres, no Concello de Vila de Cruces. Preto moi preto de Boqueixón. O río Ulla serve de fronteira entrambos, e a Ponte Ledesma de unión.

A Fundación está situada nunha modesta casa de aldea, á beira dunha igrexa e un camposanto, e foi o lugar natal do escritor Xosé Neira Vilas. Tamén, o lugar escollido este sábado, para a celebración do acto de nomeamento do autor coma socio de honra da asociación Mestre Manuel Gacio.

Esta asociación, que botou a andar no ano 2011, leva o nome dun coñecido mestre boqueixon é, e está presidida polo tamén profesor e escritor Xosé Manuel Lobato.

As seis menos cuarto da tarde, diante da coñecida como Casa do Romano xa había rebumbio. Xosé Manuel Lobato saudaba ós asistentes con agarimo, coma se se tratase dos convidados a unha comida familiar longamente agardada.

Pasaban pouco das seis cando Neira Vilas apareceu na escena. Collido dun brazo agarimoso, saudounos a todos antes de facerse unha fotos cos rapaces que acudiran a festexar o seu nomeamento. Chamounos “os seus Balbinos”.

Collido de máis brazos amigables, Neira Vilas e o resto da comitiva entramos na pequena sala Luís Seoane. As súas 50 cadeiras quedaron moi escasas para dar cabida a todos os que nos achegamos ó acto.

A presentación, ao cargo dunha rapaza da asociación, Sofía Silva, que ademais tocou o piano e recitou poemas; e os asistentes, familias e veciños da zona que se achegaron para acompañar ao escritor; alimentaban máis se cabe a idea dunha reunión familiar.

Antonio Vázquez Turnes, mestre do C.R.A de Sarandón, levou ós seus alumnos a actuar diante do escritor. Antonio, recordou os laios de Neira Vilas nunha visita á súa aula porque os nenos de agora xa non cantaran. E todos os Balbinos do C.R.A Sarandón cantaron. Tamén cantaron os grupos de música e cantares populares da zona Ardora e Estralampo.

Os pequenos Balbinos non tardaron en volver aparecer. Desta vez cunha sorpresa moi especial para o autor. Foi o propio mestre Antonio Vázquez quen de novo explicou o motivo. Unha conversa con Neira Vilas, recordando os xenerais do Ulla na súa infancia, antes de marchar para Bos Aires. “ Se a única patria do home é a infancia isto é volver a patria do home”. “Isto” eran case vinte xenerais en miniatura, subidos en cabalos de cartón feitos por eles, que se enfrontaban nun particular combate estrófico. Os Balbinos fixeron que a sala botara a gargallada máis especial da noite. Era xa o momento idóneo para ler a Acta de Nomeamento de Neira Vilas como socio de honra da familia Mestre Manuel Gacio.

Neira Vilas e o mestre do C.R.A. de Sarandón, Antonio Vázquez, cos seus Balbinos “Merece todo o que lle poidamos dar”, afirmou Xosé Manuel Lobato quen tamén chanceou co nomeamento : “é o noso primeiro socio de honra, nós non lle damos este título a calquera”.

Ás autoridades tamén lles chegou a quenda. Acordes co ton familiar e agarimoso do acto o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro; o alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero; e o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia ,Valentín García, tamén lle dedicaron unhas palabras ó autor.

Ovidio Rodeiro amosouse alegre de que tras 51 anos Balbino aínda ande por aí, e agradeceulle a Neira Vilas a súa colaboración en todo o relativo ao ámbito cultural do seu concello. Valentín García congratulouse de que a comarca teña nos Balbinos do C.R.A de Sarantón dignos sucesores para os Xenerais do Ulla. Jesús Otero, quixo recordar todo o que os concellos de Vila de Cruces e Boqueixón teñen en común e desexoulle a Neira Vilas que siga recollendo galardóns.

Antes de pasar ás fotos e dedicatorias, a familia púxose en pé. Tocaba cantar para “Pepe”, que cumpriu nesta semana 87 anos. E pese a que el nos pediu o “Eu queríame casar”, non nos quedou máis remedio que dedicarlle un “Parabéns para ti”, mentres alguén sacaba unha tarta con velas. Neira Vilas sorría mirándonos a todos, apoiado no seu bastón. Chanceou dicindo que non eran 87 senón 27. A sala botouse a rir de novo, e comezaron as despedidas. Sentín que era unha sobremesa chegando o seu fin. E sentín que como en calquera reunión familiar volveríamos a atoparnos pronto para outra celebración desas nas que non fan falta gravatas para poder asistir.

 

MARÍA LOSADA MIGUÉNS

8 de novembro de 2015 | 19:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.