publicidade hoxe

Pazos de Borbén reforza o coidado das súas infraestruturas con 20 novos traballadores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPazos de Borbén
A-
A+
Novos traballadores

Novos traballadores

O Concello de Pazos de Borbén reforza o seu persoal para os próximos meses grazas á contratación de vinte novos traballadores de distintas categorías. A administración local puido contratar a esta vintena de traballadores grazas a unha subvención concedida pola Deputación para concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes a través do II Plan de Conservación e Funcionamento de Bens e Servizos Municipais de 2015.

Os 20 traballadores divídense en tres categorías. Dezaoito deles realizarán traballos de conservación e mantemento, un será auxiliar de biblioteca e outro auxiliar de arquivo.Traballarán cun contrato temporal de dous meses e unha xornada de 35 horas semanais. Ao tratarse dunha subvención concreta e pechada descártase a contratación posterior dos traballadores.

Entre as tarefas que desempeñarán atópanse as de limpeza de mobiliario urbano, parques, xardíns e actuacións de mantemento. O alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias,defende que con estas novas incorporacións poderase reforzar os servizos e ampliar as actuacións de mantemento en edificios municipais. “Co volume de traballo actual son necesarias estas persoas. Canta máis xente haxa para realizar eses labores, mellor. Sobre todo se ademais se consegue dar un traballo a persoas desempregadas”, sinalou.

A maioría das persoas contratadas estaban desempregadas que non percibían ingresos nin prestacións sociais como a Risga, RAE ou Prepara. A contratación dos traballadores realizouse baixo un estrito proceso de selección regulado pola Deputación de Pontevedra e durante o cal se valoraron distintos aspectos como a preparación e a situación económica persoal e familiar dos candidatos.

10 de novembro de 2015 | 18:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.