publicidade hoxe

‘Os Axóuxeres’ conclúe a súa xira con catro funcións en distintas localidades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaLalínO CarballiñoO Porriño
A-
A+

A nova edición do programa de dinamización lingüística ‘Os Axóuxeres’, que ten como obxectivo promover o uso do galego e a súa transmisión interxeracional nas familias novas con bebés e nenos/as de 0 a 6 anos, chega ao seu remate. O espectáculo, impulsado pola Consellería de Cultura e Educación –por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística- entre os concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, pecha a súa xira esta fin de semana.

A listaxe de actuacións comeza hoxe venres no Carballiño (ás 17:00 horas, no Auditorio Municipal) e prosegue o sábado na Estrada (ás 18:30 horas, no Teatro Principal). O domingo é a quenda do Porriño (ás 12:00 horas, no Círculo Recreativo Cultural) e de Lalín (ás 18:30 horas, no Pazo de Liñares). Aínda que a entrada é de balde ata completar a capacidade das salas, requírese inscrición previa, que estivo aberta ata as 13:00 horas de hoxe venres. Esta aventura, que comezou o 12 de setembro en Arteixo, acumulará á súa fin mañá domingo un total de 26 localidades visitadas dentro da Rede de Dinamización Lingüística.

A festa da música, dos xogos e das palabras

‘Os Axóuxeres’ chega á súa sétima edición ofrecéndolles ás familias con cativos de 0 a 6 anos espazos de lecer en galego e tamén materiais para continuar xogando e cantando ao remate do espectáculo. O disco ‘Os Axóuxeres’, co que se agasalla a todas as familias participantes, e tamén os materiais das edicións anteriores pódense descargar de balde en http://ir.gl/1febfb.

‘Os Axóuxeres’ coidan dun xeito especial a calidade do espectáculo e a acollida ás familias para asegurar que os nenos e nenas asocien o galego con experiencias agradables, cheas de tenrura e de diversión, e cunha estética dinámica e actual.

Encontros para a xente miúda da casa

‘Os Axóuxeres’ son o encontro da xente miúda da casa coas artes escénicas, co teatro, coa música en directo, cos primeiros xogos e coas primeiras cancións en galego; en definitiva, coa lingua de noso. Cada ‘Encontro dos Axóuxeres’, de aproximadamente 40 minutos de duración, creouse para ofrecerlle á xente miúda un espazo onde gozar e abrirse ao descubrimento do mundo en galego.

Estrelas dormen, Voga valente, Vou navegar, Entre o mar e esta bañeira e Mergullo son as cancións orixinais dos novos Axóuxeres, que María Torres e Gonçalo Guerreiro interpretan en directo acompañados polos músicos Mano Panforreteiro e Dani Pais, e que recolle o devandito cedé homónimo, no que tamén se poden escoitar brinquedos e adiviñas infantís

O peixiño de Mariña

Mariña. Rapaza con nome de auga, de vida cara ao mar, é a protagonista desta historia e quen un día de praia decide que ese peixiño que apañou vai ser o seu mellor compañeiro de cuarto do mundo: “Sempre quixen ter un peixiño e por fin o conseguín!”. Xa na casa, o animaliño cada vez está máis triste. Será o seu amigo Muriel quen tente convencer a rapaza para que o ceibe: “Os peixes do mar teñen que ficar no mar”.

Mariña, rapaza lista e espelida, comprende que o seu fiel amigo leva razón. O mar ofrécelle ao peixe todo o que precisa para vivir e ser feliz, aínda que tamén agocha dificultades que os seres que o habitan atopan día tras día, e para o peixiño de Mariña non vai haber excepción. Unha aventura teatral, musical e lúdica na que a xente miúda se mergullará na profundidade do mar para sentir de preto valores como a ecoloxía ou a amizade. Unha experiencia sensorial e lingüística coa que aprender e levar para a casa divertidas cancións, adiviñas e xogos.

6 de novembro de 2015 | 16:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.