publicidade hoxe

O valor da produción do berberecho en Noia é o máis alto dos últimos anos chegando aos 8,8 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaNoia
A-
A+

O valor da produción do berberecho en Noia (A Coruña) é o máis alto dende 2008, acadando os 8,8 millóns de euros. Sinalouno a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro esta mañá na Comisión 8ª do Parlamento, onde respondeu a unha pregunta sobre este tema. A directora xeral explicou que esta cifra, correspondente con datos recollidos ata o 11 de novembro, supón un incremento de máis do 78% respecto do valor acadado en 2014.

En canto ao plan de explotación da confraría de Noia, a directora xeral subliñou que o berberecho destaca especialmente polo volume da súa produción. De feito, destacou que a produción de berberecho, a 11 de novembro de 2015, cun total de 49 días, supera nun 108% á rexistrada en 2014, con 90 días de venda. Así, dixo, esta confraría está a rexistrar os mellores resultados dende 2008.

Susana Rodríguez explicou que esta evolución positiva se debe, entre outros aspectos, a que a confraría aplicou unha estratexia de precaución na xestión dos bancos marisqueiros pechando a actividade no mes de febreiro para protexer as poboacións de moluscos bivalvos.

Tamén porque houbo un incremento xeneralizado do prezo do berberecho e polas actividades de semicultivo realizadas, que inclúen unha ampla variedade de accións como retirada de especies depredadoras, de algas e cunchas, arados e sementeiras de xuvenís de bivalvos. Estes labores son fundamentais para a recuperación e mellora das zonas produtivas e o mantemento da produción dos bancos marisqueiros, sinalou.

18 de novembro de 2015 | 13:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.