publicidade hoxe

O rexedor de Castroverde pide unha reunión dos alcaldes socialistas en Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastroverdeLocal PortadaLugo
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Castroverde e líder do PSOE nese concello lucense, Xosé María Arias, remitiu este xoves un escrito ao presidente da xestora do partido na provincia, Luis Ángel Lago Lage, para pedirlle que convoque novamente a todos os alcaldes socialistas da demarcación.

O obxectivo dese encontro é abordar a crise aberta na Deputación de Lugo dende a óptica de que o partido non cumpriu co rexedor de Becerreá, Manuel Martínez, quen o pasado mes de xuño propiciou que a popular Elena Candia conseguise as rendas da institución provincial.

Na súa misiva, o primeiro edil de Castroverde recorda que os alcaldes socialistas se reuniron o 21 de agosto para marcar o camiño cara á moción de censura que, co apoio tamén de Martínez, devolveu a Deputación ao PSOE na persoa de Darío Campos, rexedor da Pontenova.

“Despois dunha longa deliberación (…), decidiuse que Manuel Martínez renunciaría á vicepresidencia e que formase parte da xunta de goberno e á súa vez desempeñase as competencias da Delegación de Vías e Obras e Parque Móbil”, reza o texto, no que tamén se rememora que o acordo pasaba por “non ceder o máis mínimo” deste pacto “nas negociacións co BNG” para a censura e posterior formación de goberno.

Á vista de que este extremo non se cumpriu e de que os outros dez deputados provinciais “pretenden” facer pasar a Martínez como “tránsfuga”, é polo que Arias reclama “unha nova reunión de alcaldes” na que “esclarecer esta situación”. “Os que incumpriron os acordos foron (eses) deputados”, sentenza nesa comunicación.

13 de novembro de 2015 | 19:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.