publicidade hoxe

O rexedor de Brión compromete o seu apoio ao recoñecemento do Camiño de Noia como Camiño Xacobeo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

O Concello de Brión compromete o seu total apoio ao recoñecemento do Camiño de Noia como Camiño Xacobeo e achegará toda a documentación histórica da que dispón para demostrar a existencia deste Camiño de peregrinaxe e do seu paso pola comarca da Amaía. Así llelo confirmou esta mañá o alcalde de Brión, José Luís García, ao presidente da Asociación Turístico Comarcal Ría de Muros-Noia, Manuel Lema, e a presidenta da Asociación de Amigos do Camiño, Carmen Calo, que acudiron a Brión a presentar o seu proxecto.

“Imos colaborar en todo o que estea na nosa man. Nós levamos anos traballando e enviando documentación á Xunta. Sabemos que Noia era porto de Compostela e temos datos de que o bispo Xelmírez mesmo ordenou construír un albergue para os peregrinos que facían este traxecto”, indicou José Luís García. O alcalde brionés mesmo indicou que “en quince días vos imos enviar toda a documentación da que dispoñemos polo camiño e nos poñemos á vosa disposición para o que precisedes. Sei que contades co respaldo dos cinco concellos da ría de Muros-Noia, pois dende agora podedes contar coa colaboración do Concello de Brión”. 

Respaldo total 

Dende a Asociación Turístico Comarcal Ría de Muros-Noia celebraron o respaldo conseguido esta mañá, xa que “Patrimonio necesita toda a documentación histórica para oficializar o Camiño”, explicou Manuel Lema, quen insistiu en que “o que queremos é que se oficialice o Camiño. A documentación histórica é aplastante e queremos que se recoñeza canto antes. O Camiño ata Fisterra era circular, pero só se potenciou a ruta de volta”. 

Manuel Lema expúxolle a José Luís García o traballo realizado nos últimos tempos, incluída a solicitude formal presentada a Patrimonio hai un ano, pero indicou que “na demarcación do Camiño ten moito que dicir os Concellos, ver por onde pasa, o estado dos camiños…”. Un punto no que Alberto Álvarez, técnico de Cultura de Brión, amosou a súa sorpresa pola proposta inicial de Camiño ao seu paso por Brión e mesmo achegou un mapa turístico de Turgalicia dos anos oitenta e planos antigos do Instituto Xeográfico Nacional que demostran a existencia tamén dun trazado que entraba en Brión por Brans e se achegaba pola Capela de Santa Minia. Neste sentido, Manuel Lema explicou que “a documentación que nos achegou Patrimonio non é definitiva. Son os Concellos os que teñen que axudar a delimitar o Camiño”.

11 de novembro de 2015 | 20:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.