publicidade hoxe

O Museo de Pontevedra acollerá en depósito os restos arqueolóxicos do Facho de Donón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasLocal PortadaPontevedra
A-
A+

Os restos arqueolóxicos do Monte do Facho de Donón serán trasladados ao Museo de Pontevedra para o seu depósito provisional mentres en Cangas non se habilite un espazo museístico adecuado para expoñelos. Así o determinaron o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, o concelleiro de Cultura de Cangas, Heitor Mera, e o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, co asesoramento do director das escavacións do xacemento, o arqueólogo José Suárez, do director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, e do arqueólogo do Museo, Antonio de la Peña. “Respondemos a unha demanda do Concello de Cangas que nos solicita un espazo de almacenaxe máis adecuado técnicamente para estas pezas arqueolóxicas, e no papel da Deputación de estar ao servizo dos concellos, entendemos que temos o deber de salvagardar estes restos nas condicións de seguridade que corresponden ata que sexa o momento de devolverllos a todos os cangueses e as canguesas” afirmou Xosé Leal.

Estes restos arqueolóxicos son o resultado dos traballos de escavación realizados baixo a dirección de José Suárez entre os anos 2003 e 2008, e que neste momento é o responsable legal das pezas recuperadas. As pezas foron almacenadas nun soto situado baixo o escenario do Auditorio de Cangas co obxecto de que permaneceran nun lugar próximo mentres se desenvolvía a escavación, onde se foron clasificando e catalogando. Unha vez rematados os traballos, as pezas permaneceron no mesmo lugar posto que se estaba traballando na creación dun Aula de Interpretación no Monte do Facho, na que estaba previsto expoñelas, pero debido aos atrancos que foi atopando o proxecto, os restos permaneceron no soto durante unha década.

Ante esta situación e en espera de recuperar o proxecto expositivo, o Concello de Cangas considera que estas pezas deben estar depositadas nun lugar que garanta mellores condicións técnicas de conservación e de seguridade. O concellerio de Cultura, Heitor Mera, asegurou que “houbo algunhas incidencias, como algunhas filtracións e que nunha ocasión tivemos que apuntalar o escenario durante un espectáculo, que nos indican que este soto non é o lugar máis seguro “. Pola súa banda, Xosé Leal afirmou que o motivo polo cal estaban presentes o director do Museo, Carlos Valle, e os arqueólogos Antonio de la Peña e José Suárez, responde á necesidade de determinar técnicamente como realizar o traslado das pezas, e lembrou que “se ben a normativa establece que estas pezas deben trasladarse ao museo de referencia máis próximo, que neste caso é o de Pontevedra, consideramos que onde deben estar é en Cangas e esperamos que sexa onde estean no futuro”.

No soto do Auditorio de Cangas hai máis de 100 pezas correspondentes a aras dun santuario do século III que forma parte dun dos xacementos máis particulares da península, que estaba dedicado ao culto e era un lugar de peregrinación naquela época. 

Limpeza e conservación

A limpeza e mantemento do xacemento do Facho foi outro dos temas tratados na reunión. Neste eido, Xosé Leal remitiuse ao convenio da Deputación provincial co Ministerio de Fomento para a posta en valor dunha ducia de xacementos da provincia, entre os que se atopa o do Facho. Entre os labores a realizar que se contemplan no mencionado convenio atópanse, entre outras, as tarefas de limpeza, mantemento e sinalización. O deputado provincial asegurou que “para acometer as tarefas de limpeza e mantemento tamén queremos contar co asesoramento de José Suárez, por ser o maior coñecedor da zona e da situación do xacemento, polo que se estudarán fórmulas para poder contar el nestas tarefas”. 

4 de novembro de 2015 | 18:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.