publicidade hoxe

O Concello da Laracha solicita a participación na convocatoria de axudas da Xunta para a promoción da igualdade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

No Concello da Laracha celebrouse hoxe unha sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local na que o principal acordo foi solicitar a participación na convocatoria de axudas da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia para a promoción da igualdade (DOG número 194 do 9 de outubro de 2015).

O programa ao que desexa acollerse o Concello da Laracha é o referido ao apoio aos Centros de Información ás Mulleres (CIM). A finalidade da achega económica que se solicita sería financiar parte dos custos do persoal deste departamento, composto por unha psicóloga e unha avogada.

O CIM é un servizo municipal gratuíto de atención psicolóxica e xurídica de carácter permanente que se presta ás persoas que así o precisan de xeito individual e confidencial, incluíndo a atención integral ás vítimas da violencia de xénero. Ao longo do ano desde o CIM tamén se organizan e imparten obradoiros de prevención da violencia e de malas condutas nos centros educativos, así como actividades de corresponsabilidade que se levan a cabo cos nenos usuarios da aula lúdica municipal. O CIM tamén é o departamento responsable de organizar e convocar as reunións das Mesas de coordinación sobre violencia de xénero, que está dividida nas mesas sectoriais de coordinación policial e sanitario-educativa. 

Licencias urbanísticas 

Outro dos acordos da Xunta de Goberno Local foi conceder sete licencias de obras maiores para o desenvolvemento de actuacións promovidas por particulares.

5 de novembro de 2015 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.