publicidade hoxe

O Cineclub do ateneo Santa Cecilia proxectará a película “La profesora de historia”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMarín
A-
A+

O Ateneo Santa Cecilia de Marín impulsa esta semana -de xoves a domingo- unha intensa programación cultural que inclúe cine, arte, música, o comezo dun novo curso de formación e a celebración do concerto conmemorativo do día de Santa Cecilia. A primeira cita será mañá ás 21:00 horas na Biblioteca Pública Municipal, onde continuará o ciclo de películas sobre educación, coa proxección do filme francés “La profesora de Historia”, nominado en 2014 aos Premios César na categoría de mellor actor revelación e gañador do Premio do Público Xoven na Seminci de Valladolid.

Con guión e dirección de Marie-Castille Mention-Schaar, está protagonizada por Ariane Ascaride, que interpreta o papel dunha profesora de historia nun instituto onde imparte clases a un grupo difícil de alumnos. Preocupada polos problemas dos rapaces, proponse motivalos animándoos a participar nun concurso sobre o que supón ser adolescente nun campo de concentración nazi. É así como os estudantes empezarán a gañar confianza e seguridade neles mesmos, cambiando a súa actitude e a súa visión da vida. 

Este ciclo dos “Xoves de cine” sobre educación rematará o 3 de decembro coa proxección na Biblioteca, a partir das 20:30 horas, doutra película francesa titulada “La clase”, de 2008, dirixida por Laurent Cantet, sobre un profesor nun instituto dun barrio marxinal. Da calidade deste filme dá conta o seu palmarés: Palma de Ouro á mellor película no Festival de Cannes en 2008, premio ao mellor guión adaptado e cinco nominacións nos Premios César, nominada aos Oscar e os Goya, e finalista nos galardóns da Asociación de Críticos de Los Ángeles. 

EXPOSICIÓN

Ademais, este venres ás 19:00 horas inaugúrase no Ateneo unha exposición de Xesús Franco titulada “A-MAR”, que consta dunhas 40 pezas, entre cadros e instalacións artísticas realizadas a partir de refugallos que o mar deposita en terra. De temática enteiramente mariñeira, esta mostra comisariada polo artista marinense Antón Sobral ten tamén un cariz poético polas breves definicións literarias que acompañan cada peza.

Embarcacións, antigas naves, ondas do mar embravecido ou siluetas da paisaxe  contra o horizonte son algúns motivos dos acrílicos representados nos lenzos, con estilos que van dende o realismo ás vangardas xeométricas. A cor está tamén presente nos fragmentos de madeira que recupera da auga e que, unha vez secos, son pintados e reinterpretados a partir da súa forma e volume.

VENRES DO ATENEO

Os músicos marinenses César Loureiro e Carmen Gallego protagonizarán a actuación musical deste “Venres do Ateneo”, cun concerto didáctico de zanfona e nyckelharpa. A través dunha proxección de imaxes, explicarán as orixes destes instrumentos primitivos, a súa evolución ao longo da historia, o tipo de música que producen e farán unha demostración práctica interpretando composicións propias dos seus lugares de procedencia, principalmente de orixe sueca e noruega, no caso da nyckelharpa; e pezas folclóricas de raigame europea no caso da zanfona.

Afincado na parroquia de San Tomé, César Loureiro é luthier, formado na Escola de Artes e Oficios de Vigo. Constrúe zanfonas, arpas e instrumentos de corda, aplicando técnicas de construcción artesanais, mais coa ollada posta tamén na innovación. 

No acceso a esta actuación, os socios do Ateneo achegan un donativo de 3 euros; 4 euros no caso dos non socios. 

CURSO DE VIDEO-CREACIÓN

Ata este venres está aínda aberto o prazo de inscrición -cun máximo de 20 prazas e cun prezo de 20 euros por persoa- no obradoiro de video-creación que impartirá o marinense Daniel Antelo no Telecentro da Biblioteca Pública Municipal de Marín, organizado polo Ateneo. Este sábado comezarán a primeira sesión do curso, de 10:00 a 12:00 horas. As seguintes realizaranse o 28 de novembro e o 5 de decembro, no mesmo horario.

A partir de conceptos básicos de linguaxe audiovisual e seguindo unhas pautas de gravación, os participantes nesta actividade poderán desenvolver o seu propio proxecto de video-creación, utilizando a cámara do seu teléfono móbil e manexando o programa Movie-Maker.

CONCERTO DE SANTA CECILIA 

Para pechar a semana, o Ateneo Santa Cecilia invita a toda a veciñanza marinense e da contorna ao concerto conmemorativo de Santa Cecilia que se celebrará -con motivo da festividade da patroa dos músicos- este domingo 22 de novembro no Multiusos do Mercado, a partir das 12:30 horas. Actuarán a Agrupación Musical “Ateneo Santa Cecilia”, a Coral do Centro Sociocomunitario de Marín e a Coral Lembranzas. 

Este recital, con entrada libre e de balde, conta coa colaboración do Concello de Marín e terá continuidade o vindeiro venres día 27 coa actuación, ás 19:00 horas e nas mesmas instalacións do Multiusos, da Banda de Música Infantil do Ateneo. 

18 de novembro de 2015 | 11:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.