publicidade hoxe

Naraío regresa ao pasado no sexto guateque Ghastas pista?

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A Asociación de Veciños “O Castelo” de Naraío volve organizar un dos eventos con máis aceptación do seu programa anual, o Guateque Ghastas Pista?, que este ano celebra a súa sexta edición. A música será a protagonista dunha noite de sábado cun marcado ambiente retro no que a asociación ten preparado un baile do farolillo,o baile da escoba e unha sesión de picadiscos que repasará os grandes éxitos dos anos 60, 70 e 80. Ademais, o clásico da comarca “Los Zares” interpretará os grandes fitos musicais que marcaron época.

O VI Guateque Ghastas Pista? terá lugar no local social da Veiga, ao pé do campo de fútbol de Naraío a partir das once da noite do sábado. A Asociación de Veciños “O Castelo” leva varias semanas traballando para que este sábado todo estea a punto. Así o local social presentará unha ambientación  da época dourada das salas de festas da comarca e de cando as noites eran couto privado de “Música y Estrellas”.

A noite arrancará co grupo “Los Zares”. Incombustibles, grandes músicos e coñecedores como ninguén do repertorio que se agarda nun evento deste tipo. Tocan música de todos os estilos dos anos 60 e 70, aínda que o deles é o rock e a música lixeira. De feito, durante a actuación desenvolverase un baile do farolillo que premiará á parella que aguante con el aceso durante máis tempo. Non é necesario levalo da casa, posto que a organización lle entregará un farol a cada parella participante.

Nos últimos  anos o guateque Ghastas Pista? demostrou ser unha auténtica pasarela da moda vintage. Por iso a organización convidou a través das redes sociais a “remexer os faiados” na procura do que se levou noutro tempo para lucilo o sábado á noite.

A segunda parte da velada -que se prolongará seguramente ata ben entrada a madrugada- estará dedicada á música enlatada. Karina, Marisol, Camilo Sesto, Andrés do Barro, Nino Bravo, Boney M, e outros clásicos deste tipo de festas compoñen unha lista que soará ata que os corpos aguanten. Durante a noite hai organizadas máis actividades, como o xogo da silla ou o baile da escoba que tamén terán premio.

O guateque Ghastas Pista? forma parte da programación anual da A.VV. “O Castelo” de Naraío. A entidade leva varios días promocionando un evento que, igual que todas as actividades organizadas pola asociación, é con entrada gratuíta.

11 de novembro de 2015 | 19:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.