publicidade hoxe

Medio Ambiente colaborará en materia de sanemento, depuración e urbanismo co Concello de Foz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFoz
A-
A+
Beatriz Mato na reunión co alcalde de Foz

Beatriz Mato na reunión co alcalde de Foz

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co alcalde de Foz, Javier Castiñeiras, onde repasaron a situación actual de proxectos de calado para este municipio da provincia de Lugo.

Así, ambos mandatarios acordaron manter e impulsar a colaboración que Auga de Galicia e o Concello veñen mantendo, para sacar adiante a nova depuradora do Concello de Foz. A conselleira e o alcalde coincidiron en que se trata dun proxecto importante, non só para os habitantes deste municipio, senón tamén para a poboación que visita Foz nas tempadas estivais; polo que ambos apostaron por trasladar dilixencia a este proxecto hidráulico, que podería acollerse aos novos fondos europeos.

Outro dos temas abordados en materia de augas é a segunda fase do saneamento na parroquia de San Aclisco. Unha actuación que dende a Consellería se considera oportuna, en canto axudará a reducir os vertidos e achegas ao río Ouro. A conselleira trasladoulle ao alcalde que a Xunta buscará os instrumentos oportunos facer realidade esta actuación necesaria na zona máis rural do concello de Foz.

Asemade, Mato Otero reiteroulle ao alcalde a colaboración do departamento que dirixe en materia de urbanismo, para conseguir que no prazo máis breve posible Foz se sume ao listado de concellos galegos que contan con plan xeral de ordenación municipal. Pola súa parte, o alcalde de Foz trasladoulle á conselleira que no prazo máis breve posible o PXOM será remitido á Xunta, para que a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo analice a documentación e se pronuncie sobre a posible aprobación do documento urbanísticos que definirá o futuro deste concello da Mariña lucense.

30 de novembro de 2015 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.