publicidade hoxe

Marta Pérez Alonso recollerá este sábado o Maruxa Villanueva de Teatro pola súa interpretación en Té con Kant

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPadrón
A-
A+

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández e a Concelleira de Cultura, Carmen Lois, entregarán mañá no auditorio municipal o XIV Premio Teatral Maruxa Villanueva á actriz Marta Pérez Alonso. O premio, dotado con 1.200 euros, un diploma acreditativo e un busto de bronce de Maruxa Villanueva creado polo autor padronés Camilo Seira, será entregado logo da interpretación da obra Té con Kant, da compañía Inversa Teatro e capitaneada pola actriz, prevista para as 19.00 horas.

Marta Pérez proclamouse gañadora do galardón logo de que o xurado elixise a súa persoa valorando “a conxugación do didactismo co carácter lúdico, así como a igualdade como dereito e  aspiración” que quedan plasmados na mencionada obra.  Así mesmo, destacou tamén o traballo de Pérez á fronte de Inversa Teatro, indicando que “amosa unha capacidade de innovación na produción, con crecente proxección dentro e fóra de Galicia, que se transmite á orixinalidade e ó risco en todos os seus espectáculos” 

A entrega deste xa consolidado premio no ámbito teatral galego, co que o Concello de Padrón deixa patente a súa aposta polas artes escénicas, marca o inicio do outono cultural padronés. Deste xeito, o público terá unha cita todos os sábados ás 19.00 horas no auditorio municipal do  concello, onde poderá asistir a espectáculos teatrais e musicais. Ata o 19 de decembro visitarán a vila diversas compañías de espectáculos profesionais e consagrados no panorama artístico galego así coma outros no profesionais. 

Os espectáculos profesionais que se poderán presenciar tamén no auditorio contarán, entre outros, con actores e actrices como Ernesto Chao e Mela Casal interpretando “Noiteboa” de Redrum Teatro, recentemente estreado no Teatro principal; ou Máximo Valverde xunto con Eva Santamaría coa súa interpretación en “Con ganas de Reír”, un espectáculo teatral, cómico-musical, con sainetes, poemas, coplas e moito humor. Entre os grupos non profesionais pódense citar a Charamela teatro, o aturuxo de Melpómene e Badius, que interpretarán distintas pezas de drama e humor. 

Xa no eido da música, a Coral polifónica padronesa realizará concertos xunto con outras corais como a de Vilagarcía, As pontes, e o Oferao da SFA 1º de dezembro- Alpiarça Portugal. 

A entrada aos espectáculos tanto teatrais como musicais e pública e gratuíta.

 

6 de novembro de 2015 | 18:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.