publicidade hoxe

Manolo Senra e Iván Ares competirán en Fonte Díaz no XVII Slalom Concello de Touro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaTouro
A-
A+

Monolo Senra, cinco veces consecutivas gañador do Campionato Galego de Rallys entre 2001 e 2005; e Iván Ares, tamén gañador deste campionato en 2011 e 2014, participarán este sábado, día 7 de novembro, no XVII Slalom Concello de Touro, que se celebrará nun circuíto urbano nas rúas de Fonte Díaz. A proba será puntuable para o Campionato Galego de Slalom. Tamén está prevista a participación dos recoñecidos pilotos Alberto Otero e Víctor Senra. A proba será moi competida, segundo os organizadores. Os dous Senra, pai e fillo, e tamén Alberto Otero competirán cun Peugeot 309. E Iván Ares correrá cun Peugeot 206.

Pola súa banda, da man de Touro Motor competirán seis pilotos. Un deles, Ramón González, é natural de Touro e, ao mesmo tempo, preside a propia escuadra. O prazo de inscrición finalizou onte á noite. Hai 41 pilotos apuntados para competir na proba patrocinada polo Concello de Touro. Durante a mañá do próximo sábado, día 7 de novembro, desenvolveranse as verificacións técnicas dos vehículos participantes. Ás 12.00 horas comezarán os adestramentos previos ás dúas mangas oficiais das que consta a competición. A primeira manga será ás 15.00 horas e a segunda está prevista para as 17.00 horas. Ambas serán sobre un circuíto urbano sobre asfalto. A organización espera numerosa presenza de  público.

5 de novembro de 2015 | 20:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.